A Deputación lanza o 2º programa de emprendemento de SmartPeme no viveiro de empresas de Barro

Oito proxectos da provincia beneficiaranse durante tres meses desta iniciativa que inclúe sesións grupais e individuais de formación e asesoramento en competitividade, novas tecnoloxías ou identidade corporativa

10/03/2023

Co obxectivo de seguir dando apoio ás persoas emprendedoras da provincia á hora de crear os seus proxectos empresariais nas fases máis temperás, a Deputación de Pontevedra vén de lanzar a segunda edición do Programa de Emprendemento no Viveiro de Empresas de Barro, unha iniciativa do programa SmartPeme. Seleccionaranse 8 proxectos que se beneficiarán dun intenso programa de sesións de formación e asesoramento no que o equipo de SmartPeme lles ofrecerá todas as claves para, entre outras cuestións, mellorar a súa competitividade, manexar as novas tecnoloxías, crear plans de empresa e de márketing ou crear unha identidade corporativa. O programa terá unha duración de 3 meses, arrancará o 21 de marzo, e as solicitudes permanecerán abertas ata o vindeiro venres 17 a través da web de SmartPeme.

O II Programa de Emprendemento no Viveiro de Empresas de Barro contará cun itinerario de 60 horas de formación e asesoramento que abrangue sesións de formación grupais e de asesoramento personalizado. As grupais serán sesións dinámicas e innovadoras que buscan potenciar os proxectos, favorecendo ademais a colaboración e a creación de sinerxías coas outras persoas participantes. Nas sesións individuais, o equipo asesor de SmartPeme axudaraas con temas vinculados á competitividade, o emprendemento, a identidade corporativa ou as TIC, entre outros. Tanto unhas como outras serán en parte presenciais e en parte virtuais, segundo as necesidades das persoas participantes, pero dando prioridade ás presenciais nas instalacións co Centro Provincial de Economía Dixital de SmartPeme no Viveiro de Empresas de Barro. Isto permite colaborar no fomento do emprendemento rural e favorecer a creación dunha economía social e sostible.

O Programa de Emprendemento no Viveiro de Empresas de Barro está dirixido a persoas emprendedoras residentes na provincia ou cuxa iniciativa emprendedora teña domicilio social e principal no noso territorio que non chegaron a iniciar o seu proxecto ou que estean na fase inicial. Deben contar con preparación técnica para a posta en marcha e consolidación da súa iniciativa empresarial, tamén amosar motivación e compromiso co programa e un interese real en mellorar as súas capacidades e habilidades, así como ter dispoñibilidade e compatibilidade para asistir ás actividades.

SmartPeme, consciente da importancia do emprendemento na dinamización da economía, do potencial crecemento da provincia e da necesidade real de formación e apoio a estas persoas, creou en 2022 unha liña específica de emprendemento dentro da carteira “SmartPeme Impulsa” con obradoiros específicos e asesoramento personalizado. Ademais, puxéronse en marcha outras accións complementarias como este programa, que a Deputación reedita tralo éxito acadado na súa primeira edición.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.