A Deputación e a Universidade de Vigo poñen en marcha o programa formativo para empresas sobre captación de fondos europeos

O curso celebrarase entre setembro e novembro para favorecer a formación especializada, a actualización de coñecementos, a proxección profesional e o crecemento socio-económico das empresas da provincia

30/06/2023

A Deputación e a Universidade de Vigo colaboran na posta en marcha dun programa formativo para empresas sobre captación de fondos europeos no ano 2023. A través deste curso preténdese que as e os traballadoras/es das empresas da provincia amplíen os seus coñecementos sobre os mecanismos de financiamento europeo, afonden no campo dos proxectos europeos e participen nunha solicitude para algunha das convocatorias abertas da Comisión Europea. Ademais, esta iniciativa, froito da colaboración entre as dúas entidades e para a que a Deputación destina un orzamento de 20.000 euros, pretende favorecer a formación especializada, a actualización de coñecementos, a proxección profesional e o crecemento socio-económico da provincia.

O curso, que se celebrará entre o 26 de setembro e o 23 de novembro, os martes e xoves en horario de 16.00 a 19.00 horas, terá unha duración de 75 horas, das que 50 serán de formación, 15 de traballo individual coas persoas participantes e 10 de asesoramento co profesorado do curso. A formación está destinada a un mínimo de 12 alumnos e alumnas e a un máximo de 50, e desenvolverase online a través do campus virtual remoto da Universidade de Vigo, se ben a sesión de apertura e o inicio do módulo práctico serán presenciais. A Universidade de Vigo expedirá un certificado acreditativo ás persoas que participen neste curso.

Entre os coñecementos que ofrecerá a acción formativa inclúese toda a información necesaria para solicitar un proxecto europeo de éxito coa participación de distintos axentes: universidades, centros de investigación e outros. Compartiranse “Historias de éxito” de compañías que conseguiran financiamento para as súas ideas e, ademais, o persoal das empresas participante no curso poderá preparar o seu “Perfil Europeo” para acceder a información actualizada sobre convocatorias e programas para comezar a participar en proxectos da Unión Europea.