A Deputación lanza o programa “primeira experiencia profesional” nos concellos con 150 contratos formativos para a xente máis nova

A institución provincial impulsa o emprego digno e revalida o seu compromiso cos concellos mediante este novo programa que se atopa en liña co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (“España Puede”) do Goberno estatal

09/04/2022

O emprego de calidade medrará na provincia co programa “Primeira experiencia profesional” da Deputación de Pontevedra, que ten como obxectivo dotar a estudantes de ciclos medios, ciclos superiores e graos dunha primeira experiencia para a adquisición de competencias e habilidades sociais e profesionais mediante un contrato formativo. A Xunta de Goberno vén de dar luz verde ás bases deste programa que, cun orzamento de 2.340.000 euros, permitirá a contratación dun total de ata 150 persoas entre os concellos de menos de 50.000 habitantes.

Con este programa, en liña co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (“España Puede”) do Goberno estatal, os concellos adheridos da provincia poderán financiar contratacións laborais baixo esta modalidade de contrato formativo e  cos perfís que eles escollan. Estes contratos terán un máximo dun ano de duración e disporán de especial relevancia aqueles relacionados coa transición ecolóxica e a economía verde, a dixitalización de servizos, a cohesión social e o desenvolvemento local rural. Así, mediante a “Primeira experiencia profesional”, os concellos de ata 3.000 habitantes poderán realizar un contrato, os de entre 3.000 e 10.000 dous contratos e os de entre 10.000 e 50.000 habitantes un máximo de catro contratos.

A contía das subvencións dependerá do nivel de estudos das persoas beneficiarias, que deberán cumprir unha serie requisitos como estar en posesión da titulación esixida, estar inscritas como demandantes de emprego ou estar empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra.