A proposta de transformación dixital da Deputación para os concellos de menos de 20.000 habitantes recibe unha grande acollida

Carmela Silva: “Somos líderes do impulso á dixitalización nas entidades locais, polo que estamos nunha posición de vantaxe polo traballo xa feito”

28/10/2022

Presidenta da Deputación

A Deputación de Pontevedra continúa avanzando na dixitalización dos concellos da provincia a través da proposta que presentará á convocatoria de subvencións destinadas á transformación dixital e modernización das Entidades Locais, financiadas con fondos Next Generation. A presidenta provincial, Carmela Silva, explicou que a Deputación ten á súa disposición máis de 2,5 millóns de euros para facer investimentos en concellos de menos de 20.000 habitantes e vén de informalos, nunha xuntanza que tivo unha grande acollida, dos prazos e obxectivos.

“Somos grandes líderes do impulso á dixitalización nas entidades locais”, asegurou a presidenta da Deputación, que lembrou que o Tribunal de Contas do Estado “xa nos situou como a Administración provincial que máis fixo neste proceso, polo que estamos nunha posición de vantaxe polo traballo xa feito”. De feito, na actualidade xa son 54 os concellos da provincia que dispoñen de administración electrónica e 37 os que contan con padrón electrónico “grazas ao traballo feito pola Deputación”. Por iso, a Deputación quere “seguir avanzando e sacar o máximo partido aos fondos europeos” e avanzando na calidade dos servizos dixitalizados que prestan á cidadanía.

Despois da xuntanza informativa, os concellos de menos de 20.000 habitantes que estean interesados en participar no proxecto teñen ata o venres 3 de novembro para enviar mostras de interese e propostas ou necesidades concretas que poidan encaixar na convocatoria. Tras analizar todas as suxestións, o 30 de novembro estará a documentación do proxecto xa elaborada, para presentalo antes de que remate o prazo, o 15 de decembro. Carmela Silva remarcou o esforzo que realiza a Deputación que fai que “sempre nos adiantamos varios días no prazo límite de presentación de proxectos”.

Como explicou a presidenta, esta convocatoria do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España nace con cinco obxectivos clave á hora de impulsar a transformación dixital das entidades locais: a mellora da accesibilidade dos servizos públicos dixitais á cidadanía e ás empresas; reducir a fenda dixital, que “é un gravísimo problema, xa que hai moita xente que non ten coñecementos dixitais e ten que facer un enorme esforzo para superar esta situación”; mellorar a eficiencia e eficacia das e dos empregados públicos “e que teñan coñecementos suficientes para esta novo modelo da administración dixital”; reutilizar os servizos e solucións dixitais construídas “dotándoos de sistemas máis modernos” e promover a utilización activa das tecnoloxías emerxentes no despregamento de novos servizos dixitais. Todo co obxectivo de “ter unha administración local dixitalizada en toda a provincia de Pontevedra”. 

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.