A Deputación e a Xunta asinan o protocolo para transferir a titularidade dos centros educativos da Cidade Infantil Príncipe Felipe

O presidente, Luis López, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinaron o acordo que rexerá a transferencia do CIFP Carlos Oroza, o CEIP Daría González e o Centro de Educación Especial Pontevedra

20/10/2023

Carlos Oroza

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e o conselleiro da Educación da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, asinaron este venres o protocolo para transferirlle a titularidade dos centros educativos situados na Cidade Infantil Príncipe Felipe ao goberno autonómico. Trátase dos centros CIFP Carlos Oroza, CEIP Daría González e o Centro de Educación Especial Pontevedra. “O bo entendemento entre as dúas administracións, que traballamos man a man, con lealdade institucional, transparencia e comunicación, permite ofrecerlle mellores servizos á veciñanza”, afirmou o mandatario provincial, que recordou acordos recentes coma o do traspaso da Escola de Cantería ou o pazo de Lourizán, que avalan o compromiso de colaboración entre ambos os gobernos.

Logo da súa sinatura, o mandatario provincial explicou o motivo deste protocolo: “Estamos aquí para dar un novo paso cara adiante, un paso para seguir ofrecéndolle un servizo educativo e unha atención aínda máis excelente se cabe ao alumnado, ao profesorado e ás familias da nosa provincia”.

Este acordo ten como obxectivo guiar a transmisión da titularidade destes tres centros educativos, que aínda pertencen á Deputación, á Xunta de Galicia. Trátase dunha cesión gratuíta para que o Goberno galego asuma a súa completa xestión. “Este é o primeiro paso para a transferencia”, detallou López sobre un protocolo que servirá para constituír unha comisión mixta integrada por dous membros de cada unha das administracións que regulará un procedemento no que tanto a Xunta coma a Deputación desexan axilizar, en primeiro lugar, a cesión do Carlos Oroza, instituto no que tivo lugar a sinatura deste acordo.

“O Carlos Oroza é referencia na formación de cociñeiros e restauradores, un sector estratéxico para a nosa provincia capaz de dinamizar o turismo enogastronómico no noso territorio”, dixo o presidente provincial, e fixo fincapé en que esta cesión ten “visión de futuro, porque potenciará e mellorará a xestión das titulacións estratéxicas que se imparten neste centro Carlos Oroza de Pontevedra”.

Ademais de poñer en valor o traballo dos equipos directivos destes centros e do profesorado, Luis López quixo agradecer “o compromiso do conselleiro Román Rodríguez coa mellora da oferta, do servizo e das infraestruturas da provincia e de Galicia, ademais da súa predisposición e vontade de colaboración en beneficio da veciñanza”.

A transferencia da escola de cantería, que se fixo efectiva no pasado mes de agosto, ten por obxectivo mellorar e oficializar a formación das canteiras e canteiros da provincia; a mesma meta que ten o convenio asinado este venres. “Estamos a facer que Pontevedra vaia a máis”, remarcou o presidente da Deputación, unha Administración que “seguirá colaborando en todo o que estea na súa man para que estes centros sigan a ser unha referencia”, concluíu Luis López.