O proxecto europeo para o sector naval IN 4.0 da Deputación seleccionado entre os mellores exemplos do programa Interreg Espazo Atlántico

A Deputación de Pontevedra presentou os resultados do proxecto, desenvolvido no naval de Vigo, no evento anual do plan de cooperación transnacional en Viana do Castelo

07/10/2022

O proxecto IN 4.0 de mellora de competitividade das empresas do sector naval mediante a adaptación ao modelo produtivo da industria 4.0, liderado pola Deputación de Pontevedra, e desenvolvido no sector en Vigo, foi seleccionado como boa práctica para presentar os seus resultados e  poñer en valor os logros acadados do programa no encontro anual do programa de cooperación transnacional Interreg Espazo Atlántico, que se desenvolveu en Viana do Castelo (Portugal). No encontro tamén se presentaron os resultados de proxectos de toda a área atlántica, concretamente de países como Portugal, Irlanda ou Francia.

A representación da Deputación, encabezada pola deputada de Proxectos Europeos, Iria Lamas, e a directora de Proxectos Europeos, Susana Fernández, presentou os principais resultados da iniciativa, que  contou cun orzamento de 2,5 millóns de euros e do que formaron parte dez entidades de España, Francia, Irlanda, Portugal e Reino Unido, destacando na súa presentación  a necesidade de facilitar a implementación das tecnoloxías da industria 4.0 nas pequenas e medianas empresas do sector naval europeo para mellorar a súa competitividade a través da creación de valor engadido de carácter diferencial.

Para isto partiuse dunha análise do estado de situación do sector en relación á incorporación das tecnoloxías da industria 4.0 e a identificación daquelas que presentan un maior potencial para o seu emprego nos procesos de produción e comercialización do sector naval. No eido da formación, identificáronse e definíronse os dez perfís profesionais máis demandados para asegurar a adaptación aos modelos da industria 4.0. Así, levouse a cabo unha formación na que participaron máis de 362 persoas, en particular recen postgraduados e profesionais do sector en tecnoloxías da industria 4.0 a través da posta en marcha dunha plataforma de e-learning, na que se ofreceron un total de 13 sesións formativas, impartidas por profesionais cunha ampla experiencia no sector.

Da mesma maneira, destacouse a importancia de colaborar directamente coas empresas tecnolóxicas para fornecerse de solucións máis adaptadas e personalizadas ás necesidades das pemes. A tal efecto, desenvolveuse unha plataforma online para facilitar esa conexión e crear unha rede de networking entre ambos sectores. Por último, desenvolveuse unha ferramenta de autoavaliación sobre a madurez tecnolóxica das empresas respecto das tecnoloxías industriais 4.0, e nove empresas foron acompañadas e mentorizadas para poder deseñar os plans de negocio para a introdución e adquisición das mesmas.

A Deputación de Pontevedra debullou no encontro algunhas das principais conclusións ás que se chegou tras desenvolver o proxecto IN 4.0. e cara onde deben dirixirse os esforzos no futuro para facer máis competitivo o sector da construción do naval no Espazo Atlántico. Así, entre outras cousas, destacouse a importancia de lograr unha estratexia transnacional en todo o territorio ou desenvolver ferramentas financeiras que apoien ás pemes con menor capacidade de inversión. Ademais, destacouse a necesidade de fortalecer a educación e a sensibilización das empresas de construción naval, fortalecendo os vínculos entre axentes da industria, a cooperación directa coas empresas de tecnoloxía para lograr mellores custes de implementación ou o deseño de novas estratexias de marketing baseadas en tecnoloxías 4.0.