Os proxectos compartidos entre museos e institucións educativas protagonizaron as III Xornadas sobre Educación Patrimonial

A directora do Museo, Ángeles Tilve, destacou que as xornadas “pretenden ser un foro no que intercambiar experiencias e propostas”

15/12/2023

III Xornadas sobre Educación

O Museo de Pontevedra acolleu durante os últimos dous días a terceira edición das Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial, organizada en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. A través de tres conferencias, dúas mesas de debate, dous obradoiros e outras actividades, as persoas participantes intercambiaron coñecementos e expuxeron proxectos que afondan no papel de museos, universidades e centros educativos para que o patrimonio cultural sexa unha ferramenta útil para a sociedade.

Na inauguración, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, destacou que as xornadas “pretenden ser un foro no que intercambiar experiencias e propostas sobre como facer partícipe á comunidade da conservación e difusión do patrimonio cultural e como os museos e o patrimonio poden xogar un papel relevante na construción dunha sociedade máis consciente”.

A directora das xornadas e profesora de Didáctica das Ciencias Sociais da Universidade de Santiago de Compostela, Belén Castro Fernández, resaltou a presenza de profesionais de tres ámbitos, centros educativos, museos e universidades, arredor de dous eixos fundamentais que guían o programa: apropiación simbólica do museo e boas prácticas entre museo e escola.

Ángeles Tilve quixo poñer en valor o traballo didáctico “pioneiro” desenvolvido no propio Museo de Pontevedra desde os anos 80, coa elaboración de recursos didácticos para escolares, a organización de cursos para profesorado de Maxisterio e de Educación Secundaria, actividades dirixidas a persoas maiores... “Un traballo desenvolvido ao longo de décadas, que iniciou o noso compañeiro José Manuel Castaño, xa xubilado, e ao que dá continuidade o excelente equipo de Educación co que contamos no Museo”. E tamén destacou a innovadora iniciativa que puxo en marcha a mediados do século XX o daquela director Xosé Filgueira Valverde, ao crear a figura do “alumnado colaborador”.

Sobre esta figura versou a conferencia de Javier Bará Temes. Desde 1950 ata a década dos 90, moitos mozos da cidade se formaron e tomaron parte das actividades do Museo, unha iniciativa pioneira “moi pensada e cun claro sentido pedagóxico que entroncaba coas teorías pedagóxicas do ‘traballo en equipo’”. O propio Bará Temes foi entre 1955 e 1961 un deses estudantes, e compartiu as súas experiencias persoais.

Antes, o comisario e historiador da arte Martin Waldmeier pronunciou a conferencia inaugural das xornadas. Nela explicou o proxecto ‘Kids Curate Klee’, no que un grupo de nenos e nenas de 8 a 12 anos traballaron durante oito meses para crear unha exposición da que eles foron os comisarios: “Moitos adultos quedaron sorprendidos de que a exposición non ofrecese unha experiencia “salvaxe” ou “infantil”, porque os nenos participantes non querían que a exposición parecese “infantil”; querían que parecese atractiva e profesional, sendo fiel aos seus intereses. En lugar de “ser só nenos”, querían aprender sobre o comisariado e como facelo ben”.

Outro dos puntos álxidos das xornadas foron as Conversas Acompasadas, mesas de debate arredor dos eixos das xornadas. A primeira estivo protagonizada por Cristina Trigo, da Universidade de Santiago de Compostela, e Pablo de Castro, da Universidad de Valladolid, ambos profesores e investigadores en Didáctica da Expresión Plástica. Ambos defenderon a visita ao museo como experiencia e presentaron os proxectos os que están a traballar co seu alumnado.

A segunda conversa xirou arredor de proxectos compartidos entre museos e centros educativos. Expuxéronse os proxectos que desenvolve o Museo de Belas Artes da Coruña cos centros educativos do barrio de Zalaeta no que se asenta; o estudo, posta en valor e impulso da recuperación do forno da cal de Santradán polo CPI O Toural de Vilaboa, en colaboración co Museo Etnolóxico de Ribadavia; e a exploración do traballo museístico por parte do CEIP Camiño Inglés de Oroso, co proxecto “Espazo Pendeloque”.

A programación completouse coa sesión de posta en común de actividades en educación patrimonial, na que se expuxeron 14 experiencias prácticas e investigacións académicas presentadas á convocatoria de pósteres; a realización en paralelo de dous obradoiros prácticos e unha visita guiada e a representación da adaptación teatral para monicreques e cantar de cego que fixo Quico Cadaval do Romance de unha fatal ocasión, que acaba de editar o Museo.

As xornadas remataron coa conferencia de clausura de Chus Martínez, a recoñecida comisaria e historiadora da arte nacida en Ponteceso e que actualmente dirixe o Institute Art Gender Nature FHNW Academy of Arts and Design de Basilea, Suíza. Martínez expuxo que “aínda que os centros de arte contemporánea non teñen aparentemente unha relación co patrimonio cultural como a que teñen os museos con outro tipo de coleccións, téñena desde o momento en que desenvolven a idea de traballar coa transmisión de coñecemento e coa conservación de prácticas; é a idea da arte non como exposición de obxectos, senón como revisión de moitas prácticas que teñen que ver coa vernacularidade”. A súa conferencia afondou na “interrelación entre procesos naturais, procesos narrativos e procesos cognitivos.

Nas III Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial participaron máis dun cento de profesionais e investigadores de museos, universidades e centros educativos. As xornadas foron dirixidas por Belén Castro Fernández, coordinadora da Área de Didáctica das Ciencias Sociais da USC, coa coordinación xeral de Agar Ledo Arias, do Museo de Pontevedra, e coa coordinación científica de Ana Portela  Fontán, da Universitat de Barcelona.

Galerias de imaxes