Recepción á medallista de esgrima adaptada Judith Rodríguez no Pazo provincial

16/12/2022

RECEPCION Á ESGRIMISTA JUDITH RODRÍGUEZ NO PAZO PROVINCIAL

O deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, recibiu hoxe no Pazo Provincial a Judith Rodríguez, recente medalla de bronce no Europeo de esgrima adaptada celebrado en Varsovia.  A deportista viguesa acaba de lograr con este triunfo na modalidade de espada en esgrima en cadeira de rodas a primeira medalla individual da historia para a modalidade paralímpica española nunha cita continental.

O responsable provincial da área de Deportes cualificou á medallista como “a referente de esgrima nacional e internacional da provincia de Pontevedra”. Gorka Gómez remarcou así mesmo que este ano a Deputación de Pontevedra puxo en marcha as axudas Depo Dan+ para “cubrir as necesidades e reforzar o apoio ás e aos deportistas con diversidade funcional”. Unhas achegas que naceron dunha iniciativa da propia Judith Rodríguez e que o deputado de deportes considera que “levan o seu nome”. “Era unha reivindicación xusta, comprometémonos a escoitar a demanda, buscar solucións e aportar recursos” co fin de que estes e estas deportistas teñan máis facilidades para chegar ao deporte de elite.

Neste senso, o deputado destacou que “para que a sociedade sexa máis inclusiva, a inclusión comeza por aportar recursos” . “Dende a institución provincial –dixo- imos estar sempre ao voso lado, camiñando xuntos. Temos que visibilizar estes éxitos para que se recoñeza a figura destas e destes deportistas”.

Pola súa banda, Judith Rodríguez agradeceu á Deputación o “apoio que me brindaron sempre” e manifestou a súa satisfacción pola aprobación das axudas Depo Dan+ : “Nós temos máis dificultades para acadar material, visibilidade ou representación –indicou-. Encantoume que se levara a cabo porque era moi importante”. No ámbito deportivo, manifestou o seu “soño” de participar nos Xogos Paralímpicos de París 2024 e “levar o nome da Provincia de Pontevedra a París”.