A Deputación repara de urxencia un muro caído na estrada de Ponte Val a Barcia de Mera, en Mondariz

Os traballos, que tamén permitirán arranxar o afundimento do carril dereito da vía, teñen un orzamento de 40.000 € e un prazo de execución de dous meses

29/10/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar, pola vía de urxencia, as obras de reparación dun muro de contención situado na EP-4306 Ponte Val-Barcia de Mera, no concello de Mondariz, uns traballos dotados de 40.000 euros e cun prazo de execución de dous meses. A través desta actuación, e xa que a situación actual impide garantir a estabilidade do terraplén, a institución provincial pretende garantir o servizo da vía e evitar riscos de danos antes de que a calzada e o tráfico rodado se vexan afectados polos defectos do muro.

O muro sitúase á altura do punto quilométrico 4+350, nunha zona de vexetación frondosa, e a situación detectouse durante os traballos de roza das marxes desta vía. Ademais, a parte deste muro que aínda segue en pé carece de cimentación, xa que se apoia directamente sobre un terraplén que, co paso do tempo e por mor das cargas de tráfico, foise esborrallando ata producir un descalzamento.

Xunto a isto, neste punto da estrada pasa unha obra de drenaxe transversal coincidente cun regato do río Tea e, como consecuencia disto, tamén se detectaron asentamentos lonxitudinais e o afundimento do carril dereito da estrada. Polo tanto, a situación do muro é de inestabilidade e podería derivar nun colapso.