Luis López e Marta Fernández-Tapias ofrécense a manter unha reunión de traballo co alcalde Abel Caballero para tratar asuntos clave para Vigo

O presidente da Deputación de Pontevedra comprométese a manter, como mínimo, o mesmo trato que Vigo tivo ata agora na Deputación, pero pide que o Concello siga dando facilidades para facer o seu labor

22/09/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, ofreceu a súa disposición e a da vicepresidenta primeira do executivo provincial, Marta Fernández-Tapias, para manter unha reunión de traballo co alcalde de Vigo, Abel Caballero, para tratar asuntos clave para a cidadanía viguesa. O rexedor vigués foi un dos 61 dirixentes municipais que recibiu unha carta do mandatario provincial na que reitera o seu compromiso de colaboración cos gobernos locais e o reforzo dos investimentos do ente provincial nos concellos de toda a provincia nos Orzamentos do 2024, no que a Deputación xa está a traballar.

Na súa intervención, Luis López, relatou a cronoloxía dos feitos destes últimos días. O presidente envioulle unha carta ao alcalde de Vigo o mércores pola tarde na que lle reiteraba que a Deputación estaba a reforzar a atención específica ás necesidades da cidade cunha vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias, que “queda a súa disposición para abordar temas de interese conxunto”, citou López de forma textual. Unha carta que xa foi recibida no Concello de Vigo e que o alcalde recoñeceu que valoraba positivamente.

“Quero avanzar que tanto a vicepresidenta primeira, como eu mesmo estaremos encantados de celebrar ese encontro e acordar asuntos clave para os vigueses”, subliñou o presidente da Deputación, Luis López, invitando a rexedor vigués a solicitar formalmente ese encontro.

“Creo que damos un bo exemplo de colaboración que moitos vigueses están agardando logo de demasiada confrontación”, recoñeceu o dirixente, quen expresou con claridade o seu compromiso con que “Vigo sexa atendido como merece, chegar a un acordo claro con todas as partes para continuar a remodelación de Balaídos e que Vigo teña como mínimo o mesmo trato que tivo ata agora”.

Con todo, recordou López que as relación do Concello de Vigo co novo goberno provincial “comezaron do peor xeito posible”. “Mentres tomabamos posesión dos nosos cargos, coñecíamos a súa intención de quitarlle á cidade a sede da Deputación, mentres rexeitaban dar marcha atrás a ese desafiuzamento exprés, pedían recursos á  Deputación para financiar o estadio de Balaídos e mentres se proclama ese desexo de colaboración, os ataques políticos e persoais contra esta institución e os seus membros son permanentes”, lamentou o presidente.

Aínda así, o presidente da Deputación dá “a benvida a ese cambio de ton e a esa vontade de reunirse coa Deputación”.

Concluíu Luís López sinalando que “o Concello xa avanzou que nos pedirá compromiso, e compromiso terá. Pola nosa banda só pediremos facilidades. Agardo que tamén as teñamos”.