Jorge Cubela presenta ante os concellos os avances do proxecto da Deputación para loitar contra a fenda dixital e a soidade non desexada no rural

O deputado mantivo unha reunión coas alcaldías de Cuntis, Forcarei, A Illa de Arousa, Moraña e As Neves na que informou da próxima contratación da plataforma formativa que fundamenta o proxecto, entre outros pasos que se están a dar

23/10/2023

REUNIÓN JORGE CUBELA HUB FENDA DIXITAL

O deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, mantivo unha reunión cos concellos participantes no proxecto da Deputación “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra” para informar dos avances que se produciron nos últimos meses no relativo a este proxecto e resolver dúbidas. Os concellos que participan nesta primeira experiencia piloto, que conta cun orzamento de 500.000 euros dos que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico achega 280.000 euros e a Deputación os 220.000 restantes, son Cuntis, Forcarei, A Illa de Arousa, Moraña e As Neves.

Cubela explicou ante os responsables políticos destes concellos que, “despois de meses de traballo”, o pasado 13 de outubro aprobouse o expediente de contratación para a adxudicación do contrato para implantar e desenvolver a plataforma formativa que fundamenta o hub. “É un proxecto vertebrado en dúas licitacións, esta primeira e unha segunda que se atopa en tramitación interna, referida ao deseño, impartición e formación para capacitar dixitalmente as persoas participantes”, debullou o deputado, ao tempo que lembrou que o obxectivo é “mellorar o acceso aos servizos da Administración electrónica das persoas participantes e dotalas dunha maior autonomía nas xestións electrónicas da vida ordinaria ou sobre o uso de redes sociais”.

Para logralo, ao abeiro do proxecto desenvolveranse, tal e como explicou Jorge Cubela, sete accións formativas de cinco horas de duración en cada un dos concellos, que versarán sobre temas coma a Administración electrónica, a xestión en liña do Sergas, a banca móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos. Esta formación irá acompañada dun servizo de asesoramento e de titorías que se espera se desenvolva entre os meses de febreiro e maio.

Ademais, o responsable provincial de Reto Demográfico explicou as bases para a selección do alumnado e das e dos influencers que participarán no programa. Por unha parte, haberá un máximo de 50 alumnas e alumnos por concello, que deben ser nacidos antes de 1973 ou ser maiores de 18 no caso de que acrediten algunha discapacidade, presten servizos de axuda a domicilio ou acrediten a condición de persoa coidadora con maiores ao cargo. Pola outra, as e os influencers (5 por concello participante) serán “persoas destacadas a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras, que demostrarán en primeira persoa os beneficios do uso de ferramentas dixitais”, maiores de 18 anos e empadroadas no Concello, e serán elixidas por unha Comisión de Valoración con representantes dos cinco concellos e da Deputación.

“Estou seguro de que traballando xuntos, da man, e sumando sinerxías imos conseguir que este hub sexa todo un éxito”, remarcou Jorge Cubela, pedíndolle aos cinco concellos a máxima colaboración para darlle “publicidade ao programa, difundindo e incentivando a participación das e dos vosos veciños e implicando tamén ao tecido asociativo”, así como no rexistro das solicitudes “para promover a inscrición do maior número de persoas posibles e axilizar a tramitación”.