Máis de 330 servizos da provincia optan a acadar ou renovar o selo do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino

A Mesa de Calidade do destino Provincia de Pontevedra-Rías Baixas, presidida por Nava Castro e coa participación de representantes do sector, acordou elevar este ano 330 servizos turísticos ao comité de distinción da Secretaría de Estado de Turismo

09/11/2023

representantes de institucións na mesa de Turismo

A deputada de Turismo Nava Castro presidiu na Sala de Xuntas do Pazo provincial da Deputación a primeira Mesa de Calidade do destino Provincia de Pontevedra-Rías Baixas da etapa de Luis López. Na xuntanza acordouse elevar a máis de 330 servizos turísticos ao comité de distinción da Secretaría de Estado de Turismo para optar ou renovar o distintivo do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino (SICTED).  Entre estes servizos atópanse desde aloxamentos ata restaurantes, experiencias turísticas, axencias de viaxe, adegas, guías ou, entre outras, empresas de transporte, comercio e turismo activo

Para o goberno de Luis López é fundamental sumar sinerxías e impulsar a calidade turística do destino Provincia de Pontevedra-Rías Baixas para mellorar a competitividade das empresas, potenciar a excelencia do destino turístico e conseguir que o cliente se sinta satisfeito co consumo de produtos e servizos turísticos deste territorio. Deste xeito, ademais de Nava Castro, participaron na Mesa de Turismo representantes de Turismo de Galicia, profesorado da Universidade de Vigo e do CFPI Carlos Oroza, así como representantes do Clúster de Turismo, da Federación Provincial de Hostalería da provincia de Pontevedra, da Ruta do Viño Rías Baixas, da Asociación de Axencias de Viaxes de Pontevedra e do destino SICTED Terras de Pontevedra Norte-Deza Tabeirós.

Nos últimos meses a institución provincial impulsou un proceso que comezou con xornadas de sensibilización e captación de servizos turísticos para sumarse ao Plan de Calidade e continuou con plans de formación, asistencias técnicas colectivas e obradoiros de mellora continua, así como visitas individualizadas. O proceso completouse coa avaliación externa dos servizos turísticos mediante, entre outros procedementos, a técnica do cliente misterioso que se realizou, neste 2023, no 22 % das entidades.. Agora, tras acordar que máis de 330 servizos turísticos se eleven ao comité de distinción da Secretaría de Estado de Turismo, queda agardar a que este organismo decida quen acada o distintivo, de validez bienal, de calidade turística que acredita e recoñece o esforzo realizado polos servizos participantes en relación co compromiso coa calidade e mellora continua.

O SICTED é un programa desenvolvido pola Secretaria de Estado de Turismo para a xestión integral e permanente da calidade nun destino turístico. En Turismo Rías Baixas comezouse a traballar neste proxecto en 2005 e un ano despois eran xa 40 os servizos turísticos da provincia coas primeiras distincións. O esforzo desenvolvido pola institución provincial ao longo destes anos permitiu converter a provincia no destino SICTED con maior número de empresas distinguidas.