Os Rías Baixas Film Fest inician unha nova andaina coa vista posta na súa promoción nacional e internacional

Carmela Silva louvou aos oito festivais audiovisuais que agrupa a marca provincial “polo seu compromiso co territorio, a súa autenticidade e a capacidade de mobilizar á sociedade”

16/03/2023

Rías Baixas Film Fest

“Compromiso, calidade, autenticidade, diversidade e capacidade para construír pensamento crítico”. Foron as palabras coas que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo poñer hoxe en valor aos oito festivais audiovisuais que abrangue a marca Rías Baixas Film Fest e que en abril inician unha nova edición que se prolongará ata finais do ano para amosar na provincia o mellor do audiovisual. Arroupada pola banda sonora de películas inesquecibles como “A Misión” ou “O padriño”, interpretadas polas músicas Erea Carbajales e Susana Blanco, Carmela Silva deu hoxe no acto no Pazo Provincial o tiro de saída a estes festivais que, como subliñou, “son capaces de mobilizar á sociedade da provincia a través da cultura” cunha marca que vai avanzar na promoción destes festivais en eventos nacionais e internacionais. “Os Rías Baixas Film Fest son unha referencia e unha sinal de identidade dentro é fóra da provincia, pero temos que seguir avanzando”, subliñou ante os e as representantes dos festivais.

A cita co audiovisual na provincia arrancará co XIX Play-Doc de Tui, que se celebrará do 26 de abril a 1 de maio e continuará co XX Festival de Cans no Porriño (16-20 de maio), o XII festival Primavera do Cine de Vigo (5-10 setembro); a XVI edición do FicBueu (9-23 setembro), o sétimo Galician Freaky Film Fest de Vigo (22 e 23 e do 27- 30 setembro); o oitavo Festival de Cine Inclusivo de Vigo (17-22 outubro), o 51º Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía (27 outubro a 5 novembro) para finalizar coa oitava edición do Novos Cinemas en Pontevedra (do 12-17 decembro).

A presidenta insistiu en que os eventos que abrangue a marca Rías Baixas Film Fest “son unha mostra dese talentazo e creatividade que ten un enorme valor para a provincia”. “Sodes xente que constrúe a boa provincia que queremos ser –subliñou- Estes festivais conseguen que non só a xente das grandes vilas, senón das pequenas de menos de 20.000 habitantes poidan desfrutar dun audiovisual de enorme calidade e de moitas actividades complementarias coas que poden vivir en primeira persoa a cultura como algo vivo e dinamizador. Porque o audiovisual ten esa capacidade de construír pensamento crítico. E nestes festivais a xente pode visualizar historias que nos moven, nos conmoven e nos fan pensar. Conseguides que a cultura non sexa algo de elites senón algo no que participa toda a sociedade”.

Carmela Silva sinalou que o seguinte paso pasa por “ser ambiciosas e ambiciosos“  cara a promoción dos festivais a nivel nacional e internacional. Neste senso, anunciou unha presentación propia da marca na feira Culturgal “para que a xente de toda Galicia teña coñecemento do que se fai”, así como a posibilidade de ter presenza noutros festivais foráneos. “Cremos que estes eventos non son un gasto, son un investimento para converter á provincia nun referente do audiovisual, que xa o é”. Tamén citou a aposta por fomentar sinerxías con Portugal, tendo en conta a situación transfronteiriza da provincia e o feito de que no país luso hai propostas audiovisuais “moi diversas e de longa traxectoria”, así como por “mover á xente da provincia por todos os festivais” cunha intensa labor promocional. “Vendo como desfruta nos nosos festivais, a xente amósanos a todas as administracións públicas que si quere cultura. Cando se promove cultura, a xente vai”.

No acto da presentación, no que se proxectou un vídeo resumo da edición do 2022,  interviñeron tamén Nerea Lores, do FicBueu, e Juan de Castro, do Galician Freaky Film Fest. Lores subliñou o feito da recuperación da normalidade trala pandemia e insistiu en que “hai que poñer o foco no noso público e volver a poñer en valor a presencialidade e os encontros coa xente nos festivais” nun ano en que amais, como explicou “imos con moita forza e todos os festivais estamos con novos proxectos para ser máis grandes”. Agradeceu á Deputación o apoio a través de Rías Baixas Film Fest, “coa que se pode facer un gran traballo para o impacto internacional dos nosos festivais e o cinema galego. Queda moito por facer, pero cremos que é un camiño que hai que ir reforzando”.

Pola súa banda, Juan de Castro destacou o apoio da Deputación, “non só a través desta marca, que abraza e defende a capa e espada estes festivais en calquera circunstancia, senón tamén polo apoio económico, un sustento imprescindible xunto co do público para que sigamos medrando e mellorando”. De Castro destacou o feito de que un territorio pequeno como a provincia sexa quen de ter festivais “tan diversos, completos e de tanta calidade”, e para 2023 considera que a materia pendente é “que o público siga volvendo ás salas e aos encontros coas persoas realizadoras” e tamén achegar “escolmas do que se fan nestes festivais a outras vilas máis pequenas para que vexan o que se fai e poidan acudir”.

Galerias de imaxes

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.