O proxecto do “Anel Verde do Miño”, finalista en dúas categorías dos premios “Bikefriendly” da rede de cidades pola bicicleta a nivel estatal

O deseño do circuíto ciclable transfronteirizo de 196 kilómetros impulsado pola Deputación e o AECT Rio Minho foi seleccionado como unha das tres mellores propostas de infraestrutura ciclista de ámbito interurbano

09/02/2023

RIO MIÑO ANEL VERDE FINALISTA PREMIOS BIKEFRIENDLY

O proxecto do ‘Anel Verde do Miño’, o circuíto circular ciclable de 196 kilómetros que prevé conectar os concellos de ambas marxes do río Miño ideado pola da Deputación e o AECT Rio Minho, foi seleccionado como  finalista en dúas categorías dos premios ‘Bikefriendly’ da Rede de Cidades pola Bicicleta (RCxB) a nivel estatal. A proposta foi considerada unha das tres mellores infraestruturas ciclista de ámbito interurbano e tamén un dos mellores exemplos de “liderado e compromiso institucional” coa bicicleta de entre todas as candidaturas presentadas no estado español.

A Deputación foi seleccionada coa Diputación de Gipuzkoa e xunto a outros quince concellos para recibir o recoñecemento, que se outorga dende 2019 pola RCxB e a consultora Bikefriendly Group, especializada en cicloturismo e mobilidade activa, ás administracións públicas que impulsan proxectos, iniciativas ou accións destinadas a impulsar e facilitar o uso cotián da bicicleta.

No caso da Deputación, competirá co Concello de Valladolid e o de Barcelona no apartado de liderado institucional, e co concello de Sant Joan Despí e o concello de San Cugat polos proxectos para conectar o municipio cos seus números colindantes.

Os gañadores desta nova edición anunciaranse na gala de entrega dos Premios Bikefriendly 2023, que terá lugar o  2 de marzo en Sevilla no Centro de Recepción do Turista. Preténdese que sexa un evento que reúna a un amplo número de concellos e deputacións nunha xornada de intercambio de ideas e experiencias relacionadas co impulso da mobilidade ciclista a nivel urbano e metropolitano.

O Anel Verde

O proxecto da  Deputación de Pontevedra co ‘Anel Verde do Miño’ e a súa rede ciclable de sendeiros verdes transfronteirizos  está en marcha dende 2021, cando se analizaron os sendeiros e ribeiras galegas e portuguesas (un total de 450 quilómetros) susceptibles de ser percorridos tanto a bicicleta como a pé.

Seleccionouse de entre todos eles un circuíto circular ciclable de 196 quilómetros, no que as conexións entre as dúas marxes do río realizaranse a través de tres puntos que coinciden coas tres eurociudades situadas no territorio de Salvaterra de Miño-Monçao, Tui-Valença e Tomiño-Vila Nova de Cerveira.

A última conexión prevese realizar a través dunha pasarela para bicicletas e peóns cuxo proxecto é froito do concurso internacional de ideas promovido pola Deputación de Pontevedra no que resultou gañadora a proposta’Unha liña sobre o Miño’ da UTE formada por Burgos Garrido Arquitectos e Bernabeu Enxeñeiros, dando lugar á creación do primeiro parque urbano transfronteirizo da Península Ibérica o Parque da Amizade.

Para a execución deste proxecto, no que é preciso executar obras de acondicionamento, prevese presentar candidatura para a obtención de fondos POCTEP do período 2021-2027. A intención é xerar unha infraestrutura compartida por 26 concellos (16 da provincia e 10 no norte de Portugal), que teñen unha poboación de preto de 365.000 habitantes, ás que se suman as persoas chegadas polo potencial turístico do territorio, no que hai máis de 13.500 prazas hoteleiras.