O deputado Roberto Álvarez inaugura o curso formativo de “Emprego inclusivo”, promovido pola Fundación Érguete-Integración en colaboración coa Deputación

03/10/2023

roberto carrero inugura curso de emprego inclusivo

O deputado provincial Roberto Álvarez Carrero asistiu hoxe en Tui á apertura dun novo curso de auxiliar de almacén promovido pola Fundación Érguete-Integración, que se enmarca no proxecto “Emprego inclusivo”, dirixido a facilitar a inserción ou reinserción laboral de persoas con dificultades.

Na súa intervención, salientou o “enorme” labor que a entidade desenvolve desde hai dúas décadas “ao carón das persoas máis vulnerables para apoialas con atención directa, formación e asesoramento para o emprego, a fin de que, desde un itinerario personalizado, recuperen a súa dignidade humana e formen parte activa das nosas vilas e cidades”.

Ademais de dirixirse ao alumnado, ao que animou a aproveitar esta actividade “porque a formación é a chave indispensable para abrir calquera porta”, Roberto Carrero incidiu en que a Deputación seguirá a apoiar a fundación, “que presta este servizo fundamental para construír a sociedade que queremos, inclusiva e solidaria”, e destacou que o eido social “xa é un dos puntais da acción deste novo Goberno provincial”.