As actividades da Semana Lorquiana no Museo recordarán a visita de García Lorca a Pontevedra hai 90 anos

O mércores 16 celebrarase unha mesa redonda con Xesús Alonso Montero e Ramón Rozas sobre a revista Cristal, que se completará con visitas escolares e un roteiro pola cidade o sábado 19

14/11/2022

SEMANA LORQUIANA

Os días 19 e 20 de novembro de 1932, Federico García Lorca visitou Pontevedra por segunda vez, acollido polo grupo de impulsores da revista Cristal, fundada uns meses antes na cidade. 90 anos despois, unha mesa redonda, un roteiro pola cidade e unha serie de visitas escolares dan forma a unha nova edición da Semana Lorquiana, organiza polo Museo de Pontevedra.

A empresa cultural Polo Correo do Vento encárgase de coordinar as actividades para público infantil e adulto, centradas en explicar a relación do poeta, dramaturgo e prosista da Xeración do 27 con Galicia e moi en particular coa revista Cristal.

O mércores 16 ás 19.00 horas no Edificio Castelao do Museo celebrarase a mesa redonda ‘A revista Cristal no seu 90 aniversario’, na que participarán o escritor Xesús Alonso Montero e o xornalista Ramón Rozas, moderada pola tamén xornalista Susana Pedreira.

O sábado 19 de novembro farase un roteiro pola cidade titulado 'Federico Garíca Lorca visita a revista Cristal'. Está dirixido a público adulto e terá a saída ás 12.00 horas desde o Edificio Castelao. Para participar é preciso inscribirse no correo polocorreodovento@hotmail.com.

Ademais, durante toda a semana, do 14 ao 18 de novembro, realizaranse sesións orais para escolares de centros de Pontevedra con narracións para público infantil nas que se relaciona a presenza de García Lorca cos fondos do Museo de Pontevedra.

A relación de Federico García Lorca con Galicia levouno a definirise como “poeta galego” e escribir na nosa lingua os seus 'Seis poemas  galegos'. Visitou Galicia en tres ocasións, dúas delas en 1932 e en ambas pasou por Pontevedra. A primeira foi en agosto á fronte do grupo teatral La Barraca. A segunda foi en novembro, cos responsables da revista Cristal como anfitrións. En Pontevedra escribiu un fermoso soneto iniciado co verso “Yo sé que mi perfil será tranquilo”, que viu a luz publicado no número 6 de Cristal.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.