Arranca o mes de outubro con tres novas accións formativas do programa da Deputación SmartPeme

O programa de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas da institución provincial oferta, nesta primeira semana de outubro, cursos sobre ciberseguridade, optimización da canle de YouTube e uso de ferramentas de intelixencia artificial

01/10/2023

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Centraranse en como protexerse do phishing como método para mellorar a ciberseguridade, na optimización da canle de YouTube e no funcionamento de ChatGPT e Stable Diffusion.

A programación arrancará o luns 2 de outubro co obradoiro Ciberseguridade, o Phishing, de 10:30 a 11:30 horas, no que se darán claves para protexernos dun ataque phishing e darán a coñecer os diferentes tipos e as formas de evitalo. O docente Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, con máis de catro años de experiencia impartindo obradoiros, encargarase desta formación.

O mércores 4 comeza o obradoiro Optimiza a túa Canle de YouTube, de  11:00 a 12:30 horas. A través desta formación, as persoas que participen aprenderán a promover a canle e a aumentar o seu número de reproducións, así como o número de visualizacións e persoas subscritas. Este obradoiro impartirao Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e cun posgrao en Comunicación e Industrias Creativas.

O xoves 5 continúa o itinerario para o manexo da intelixencia artificial co curso ChatGPT e Stable Diffusion, Aprende o seu Funcionamento III, de 12:00 a 13:00 horas. Con este terceiro bloque formativo darase a coñecer a interacción con ChatGPT a través de exemplos de conversas, indicadores de texto, así como limitacións e consideracións sobre o seu uso. Este obradoiro tamén o impartirá Manuel Freire.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.