SmartPeme pecha o ano con cinco novos obradoiros online

O programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación imparte esta semana formacións sobre SEO e SEM, ciberseguridade, redes sociais, Google Data Studio ou Linktree

18/12/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta as cinco últimas formacións  do ano, antes do lapso de nadal. Estas formacións, enmarcadas na carteira de obradoiros, estarán impartidas de xeito online. As accións tratarán temas de estratexia SEO e SEM, o phising, redes sociais para establecementos turísticos, utilización de Google Data Studio e creación dun Linktree con Canva.

Este luns 19 de decembro haberá dous obradoiros. Pola mañá, a temática versará sobre ciberseguridade co experto en robótica, programación e impresión 3D, Manuel Freire. O obxectivo do obradoiro “Ciberseguiridade, o phishing” é dar a coñecer o phishing que é a forma máis sinxela de ciberataque e, ao mesmo tempo, a máis perigosa e efectiva. Na quenda de tarde, a graduada en Publicidade e Relacións Públicas, Laura Carrera explicará como traballar correctamente o SEO e o SEM. No taller “A prende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM” ensinarase a buscar as palabras clave adecuadas para garantir un oco no mercado online e xerar o maior número de vendas posibles.

O martes 20 impartiranse outras dúas novas formacións. Pola mañá a graduada en Turismo, Patricia Cabaleiro, impartirá a formación “Redes sociais para establecementos turísticos”  sobre as vantaxes e inconvenientes de usar as redes sociais como estratexia para captar clientes e como e cando se debe usar cada unha delas segundo o público obxectivo. Pola tarde será a quenda da licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, María Aller, que dirixirá un obradoiro para pemes e autónomos, “Obtén o valor dos teus datos con Google Data Studio” no que tratará de mostrar o uso de Google Data Studio, onde se poden unificar e conectar os datos obtidos nas distintas ferramentas de Google e outras plataformas e formatos externas para elaborar informes globais dunha empresa.

Finalmente o curso do mércores 21, “Crea o teu Linktree con Canva”, pechará o ciclo de obradoiros do 2022. Esta formación estará impartida por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico. Os Linktrees son unha boa ferramenta para dar a coñecer moitos ámbitos dun negocio dixital e con Canva pódense personalizar seguindo a identidade de marca.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.