O programa SmartPeme da Deputación oferta esta semana seis novas accións formativas

Os obradoiros centraranse en ciberseguridade, emprendemento, posicionamento SEO, manexo de Chat GPT e Stable Diffusion e  uso de WhatsApp Business para alugueiro vacacional

24/09/2023

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta na semana do 25 ao 28 de setembro seis novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Centraranse en ciberseguridade, emprendemento, posicionamento SEO, manexo de Chat GPT e Stable Diffusion e  uso de WhatsApp Business para alugueiro vacacional.

O luns 25, ás 10 horas, terá lugar o obradoiro Ciberseguridade, que é o Malware?. O obxectivo é dar a coñecer que é o malware e os diferentes tipos que existen, así como aprender a detectar se o equipo está infectado. O obradoiro correrá a cargo de Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión en 3D.

O martes 26, ás 12 horas, dará comezo o obradoiro A Iniciativa Emprendedora para dar a coñecer as razóns para crear unha empresa, os requisitos que debe reunir a persoa emprendedora e as recomendacións para iniciar o proxecto empresarial. Paz Ares, licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Vigo, encargarase de impartir a formación.

O mércores 27, ás 12 horas, iniciarase SEO para E-commerce: Posiciona a túa Tenda en Liña en Google. Este obradoiro de SEO está especializado nas tendas en liña e céntrase en ensinarlles ás persoas participantes a optimizar a web e a mellorar o seu posicionamento en internet. A docente será Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais con experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web.

Na mesma xornada do mércores, ás 17 horas, comezará o obradoiro complementario Redacta os Textos da túa Web ou Tenda en Liña para Posicionarte en Google que ofrecerá as claves para acadar bos resultados nas procuras a través da redacción, tendo en conta as estratexias de contidos e empregando ferramentas para escoller as palabras clave. O obradoiro impartirao Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relaciones Públicas con experiencia como asesora de comunicación e márketing dixital.

O xoves 28 realizaranse outros dous obradoiros telemáticos. O primeiro será de mañá, ás 12 horas,  e dálle continuidade ao novo itinerario formativo dedicado á intelixencia artificial Chat GPT e Stable Diffusion, Aprende o seu Funcionamento II, para coñecer o manexo das ferramentas. O obradoiro impartirao o experto universitario en robótica, programación e impresión en 3D Manuel Freire. O segundo, na quenda de tarde, dará comezo ás 17 horas e terá por título WhatsApp Business para Alugueiro Vacacional. O obxectivo deste obradoiro, impartido por Sonia Torres, é ensinar a empregar WhatsApp Business como ferramenta de márketing no sector turístico.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.