A Deputación destina 30.000 euros a oito entidades das comarcas de Deza e Terra de Montes para abordar actuacións no ámbito social

Os colectivos beneficiados poderán desenvolver con estas axudas programas de respiro familiar, obradoiros de motivación ou estimulación cognitiva para persoas con deterioro ou, entre outros, de apoio integral a familias en risco de exclusión

28/10/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar achegas por valor de 30.000 euros para oito entidades das comarca de Deza e Terra de Montes que traballan no ámbito social. Estas axudas servirán para financiar distintas actuacións que estes colectivos, radicados en Lalín, Silleda e A Estrada, desenvolven para axudar a persoas en situación de desvantaxe ou vulnerabilidade social.

As contías destas achegas oscilan entre os 2.909 e os 4.982 euros. No Concello de Lalín beneficiarán a Asociación Aspadeza, que desenvolverá un programa de respiro familiar; a Asociación Carabelo, para financiar un proxecto de apoio integral a familias en risco de exclusión; a Asociación de Familiares y Enfermos Mentales Morea, para abordar un programa de integración social de persoas con enfermidade mental grave e ás súas familias; a Asociación de Voluntariado O Mencer, para as actividades do colectivo e a Asociación para la Protección de los Ancianos de Lalín y su Comarca, que financiará as Olimpíadas As Dores.

Por outra banda, en Silleda son dous os colectivos beneficiados: a Asociación para o Desenvolvemento Social da Comarca de Deza, que poderá desenvolver a sétima edición do obradoiro práctico de motivación Encantado/a de Coñecerme e Cáritas Diocesana, para a atención de familias de Silleda e Lalín. E, no caso da Estrada, recibirá unha subvención a Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzhéimer (Agadea), que poderá financiar un programa de estimulación cognitiva e psicomotriz para persoas con deterioro cognitivo.