A Deputación lanza o novidoso programa “Suma na Escola”, para achegar o deporte inclusivo á rapazada da provincia

Carmela Silva: “Queremos, como así indica a Axenda 2030, espallar unha aposta clara polo dereito de todas as persoas a participar no deporte, particularmente aquelas con diversidade funcional”

04/11/2022

Presidenta

En liña coa Axenda 2030 e co obxectivo de que “a sociedade tome conciencia de que todas as persoas teñen dereito a facer deporte e que, ademais, o deporte adaptado ten un enorme valor deportivo e social” –tal e como detallou Carmela Silva- nace o programa “Suma na Escola”, para achegar o deporte inclusivo á rapazada da provincia de Pontevedra. A iniciativa, que terá lugar entre o 16 de novembro e o 20 de decembro en escolas deportivas de 18 concellos da provincia, pon o acento “na aposta clara polo dereito de todas as persoas a participar no deporte, particularmente aquelas con diversidade funcional”.

O programa consta de tres actividades diferentes: “Suma na Escola+”, unhas xornadas de deporte inclusivo na rúa e a elaboración dun vídeo final para dar visibilidade á iniciativa e que dará conta das diferentes actuacións desenvolvidas. “Suma na Escola+” trátase dunha actividade de deporte inverso a través da cal mozas e mozos poderán interiorizar as dificultades das persoas con diversidade funcional realizando deporte cos instrumentos que habitualmente empregan. Deste xeito a rapazada sen dificultades de mobilidade fará deporte, por exemplo, nunha cadeira de rodas, realizará atletismo adaptado, judo adaptado ou loita adaptada, vivindo en primeira persoa a súa práctica. “Son heroínas e heroes –asegurou a presidenta Carmela Silva-. Unha vez participei nunha actividade de deporte inverso e é complicadísimo facer deporte así”.

Pola súa banda as xornadas de deporte inclusivo na rúa, baixo o lema “Iguais no deporte”, terá lugar na avenida de Montero Ríos de Pontevedra tamén para realizar e interiorizar as prácticas de deporte adaptado. Estará aberta ao conxunto da cidadanía e contará coa colaboración dos institutos de ensino secundario Valle Inclán e Sánchez Cantón de Pontevedra.

audios