Tiro de saída ao programa da Deputación “Música no Ar” que este verán volverá a percorrer a provincia

Carmela Silva: “É un programa moi potente que chegará a todas as comarcas cun proxecto de música clásica adaptada ao século XXI, en espazos dun patrimonio espectacular que temos que poñer en valor”

21/06/2022

Presentación do programa Música no Ar

A Deputación de Pontevedra ven de dar o tiro de saída ao programa de música clásica en espazos patrimoniais da provincia “Música no Ar”, que arrancará o vindeiro martes, 28 de xuño, ás 22.00 horas no Castelo de Soutomaior co proxecto “Retrato musical”, a cargo da Orquestra Clásica de Vigo e Cintaadhesiva. O “potente” programa, que este ano celebra a súa terceira edición, “chegará –tal e como explicou a presidenta Carmela Silva- a todas as comarcas da provincia cun proxecto de música clásica adaptada ao século XXI en espazos dun patrimonio espectacular que temos que poñer en valor”. Así, a música de cámara soará en pazos, castelos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos entre xuño e finais de setembro. En todos eles a entrada será libre ata completar aforo salvo nos castelos de Soutomaior e Sobroso, para os que cómpre formular a inscrición a través de participa.cultura@depo.es.

O proxecto “Retrato musical”, co que abre “Música no Ar” no Castelo de Soutomaior, trátase dunha innovadora e interdisciplinaria proposta da Orquestra Clásica de Vigo e Cintaadhesiva que combina música clásica, poesía e audiovisual. Así, no castelo soará, tal e como adiantou a presidenta, música de Mozart con textos poéticos de Silvia Penas e unha proposta visual de Jesús Andres Tejada con imaxes da pioneira do cine Alice Guy.

Tralo paso polo Castelo de Soutomaior o programa recalará o 1 de xullo no Pazo da Crega de Barro onde actuará Nox Trío, integrado pola violinista Olga Alexandrowskaya, a pianista Natalia Méndez e a violonchelista Xusa Hervás, que interpretarán un repertorio de mulleres compositoras do Barroco e Romanticismo. O día 2 de xullo ás 21.00 horas na Praza da Igrexa de Vila de Cruces será a quenda do Quintento de metais  e o 17 de xullo ás 20.00 horas na Casa reitoral de Santa Mariña de Covelo actuará o cuarteto de saxofóns Dextrum Ensemble. O domingo 24 de xullo ás 21.00 horas no Pazo de Pías de Nigrán soará a voz da soprano Begoña Salgueiro e a música de piano de Andrea García e o 30 de xullo ás 21.30 horas no Pazo de Mos actuarán a soprano lírica Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo que interpretarán baladas e zarzuelas galegas.

Xa en agosto o mércores 3 ás 20.30 horas a Capela de San Bartolomeu  de Moaña acollerá a Airas Ensemble. O domingo 14 de agosto ás 21.00 horas no Mosteiro da Armenteira de Meis actuará Concerto das Donas, o grupo instrumental de cámara especializado na recuperación e interpretación de obras de mulleres compositoras, e o xoves 25 de agosto ás 19.00 horas no exterior da Igrexa da Guarda a soprano Mila UT coa música de piano de Ana Belén Rodríguez.

“Música no Ar” rematará no mes de setembro con catro concertos. O primeiro deles o 8 de setembro ás 19.00 horas no Castelo de Sobroso co Cuarteto de Corda da OV430 xunto ao clarinete de Melissa David. O venres 9 de setembro ás 19.00 horas no Xardín da Casa das Navegacións de Baiona actuará o Trío Bórea, grupo de cámara fundado para explorar o progreso de novos modelos de interacción co público e desenvolver experiencias a través dos medios dixitais aplicados á música clásica. O sábado 17 de setembro ás 19.00 horas no Mosteiro de Oia soará a voz da soprano Teresa Novoa co acompañamento ao piano de Carlos E. Pérez. O programa rematará o 25 de setembro ás 19.00 horas na Igrexa de Reboreda de Redondela coa pianista Andrea González e Clara Panas, cun espectáculo interactivo, con proxeccións audiovisuais e narracións, e a alegre e colorida estética da deseñadora Ágatha Ruiz de la Prada, que dará a coñecer a fascinante historia de Rosendo Salvado.

O programa “Música no Ar” naceu co obxectivo de garantir o acceso igualitario á cultura para todas as persoas, ademais de poñer en valor espazos de memoria, arte e identidade, achegando a música clásica a todo o territorio. Cuartetos, tríos e dúos de música de cámara con repertorios que van dende o clásico ao contemporáneo levan xa dous anos deleitando ao público.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.