A Igrexa de Santa Baia, en Mos, acolle este xoves unha nova cita de “Música no Ar” co grupo Tramontana

A actuación, que dará comezo ás 21:00 horas e non require inscrición previa, forma parte do programa da Deputación que leva a música de cámara a espazos patrimoniais da provincia

05/07/2023

O concerto ofrecido pola formación Tramontana en Mos

O programa cultural “Música no Ar” da Deputación de Pontevedra continúa o seu percorrido este xoves en Mos. O concerto ofrecido pola formación Tramontana celebrarase no exterior da Igrexa de Santa Baia ás 21:00 horas dentro desta iniciativa provincial composta, este ano, por 15 actuacións de música clásica e de cámara en importantes espazos patrimoniais da provincia como museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas.

A formación interpretará os temas ‘Two Interlinked French Folk Melodies’ (Ethel Smyth, 1928), ‘Desdémona’ (Mel Bonis, 1909; con arranxo de Gérard Chenuet), ‘Trio: Scherzo’ (Henriette Renié, 1901), ‘Un soir’ (Mel Bonis, 1906; con arranxo para arpa e viola a cargo de Alejandra Martín e Mathilde Bernard), ‘Muiñeira’ (Diego F. Vilela, 2021), ‘O son do ar’ (tradicional; con arranxo de Aurora Pajón), ‘Songe’ (Mel Bonis, 1914; con arranxo para arpa e viola a cargo de Alejandra Martín e Mathilde Bernard), ‘Viviane’ (Mel Bonis, 1909; con arranxo de Gérard Chenuet), ‘Valse mélancolique’ (Clémence de Grandval, 1896), ‘Eidos’ (Aurora Pajón, 2019) e ‘Doppler Effect’ (Adrienne Albert, 1998).

Tramontana está composta por Aurora Pajón (frauta), Mathilde Bernard (arpa) e Alejandra Martín (viola). Fundouse en 2017 na cidade suíza de Berna cunha dirección artística común: crear espectáculos nos que a música se atopa e combina con diferentes elementos artísticos como o teatro, a poesía, a escenografía ou as artes visuais. A decisión de integrar todos estes elementos non só é estética, senón que permite expresar e transmitir as conviccións do grupo, que quere darlle ao seu público novas ideas e algo no que seguir a pensar unha vez fóra da sala de concerto.

A programación de “Música no Ar” está composta por 15 formacións, desde dúos ata cuartetos, con repertorios que versan entre o clásico e o contemporáneo, con música instrumental e voz pero tamén propostas que inclúen danza e silencio. Tralas actuacións xa celebradas en Nigrán, Vila de Cruces, Vilaboa, Cuntis, Soutomaior e Mos, o programa continúa ata setembro con máis concertos en espazos de Salceda de Caselas, Ribadumia, Ponte Caldelas, Mondariz, Bueu, Crecente, Forcarei, Salvaterra e A Cañiza. O calendario completo pódese consultar no sitio web da Deputación. Todos os concertos teñen acceso libre ata completar a capacidade do recinto, agás os do Castelo de Sobroso (Mondariz) e mais o do Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia), que requiren inscrición previa no correo electrónico participa.cultura@depo.gal.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 18 resultados.