Conta atrás para o acendido do alumeado de Nadal das sedes e dos edificios da Deputación en Vigo e Pontevedra

Este xoves ás 18.30 acenderase a sede de Vigo no Casco Vello; á mesma hora iluminarase Príncipe Felipe en Pontevedra e ás 20.00 h o Pazo Provincial, o Edificio Administrativo e o Palacete das Mendoza

30/11/2022

TODO LISTO ACENDER ALUMEADO NADAL NA DEPO

Todo está listo para o especial acendido do alumeado de Nadal das sedes e dos edificios da Deputación en Vigo e Pontevedra. Este xoves 1 de decembro, ás 18.30 horas acenderase a iluminación da sede de Vigo; á mesma hora farao Príncipe Felipe en Pontevedra e ás 20.00 h o Pazo provincial, o Edificio Administrativo e o Palacete das Mendoza. A quenda dos castelos de Soutomaior e de Sobroso, que neste último caso contará con luces de Nadal por vez primeira, terá lugar o venres, 2 de decembro ás 18.30 horas.  Amais do acendido, tamén se inaugurará a decoración sostible deseñada para as súas sedes que recorda “escenas de Nadal”.

Ás 18.30h será a quenda da sede da Deputación de Vigo, na rúa Eduardo Chao, na que tras a tradicional conta atrás se acenderán as cortinas luminosas led e tamén motivos de Nadal, similares a folerpas de neve, na fachada principal de pedra do edificio. O acto contará con música de saxofón en directo e coa presenza de elfas e elfos e flores zancudas que interactuarán co público antes do acendido. No exterior da sede viguesa haberá unha auténtica postal de Nadal con cabanas dos bosques e ata un banco para o photocall. A sede está igualmente decorada no seu interior.

En Pontevedra, o acendido do Pazo provincial contará coa actuación “Lux” da compañía Mago Noel, espectáculo que mestura mimo, maxia, música e circo e terá lugar no vestíbulo. Posteriormente, na escalinata exterior terá lugar a conta atrás que culminará co acendido do alumeado da fachada e cunha chocolatada para “desfrutar das nosas tradicións”. Os xardíns terán tamén iluminación específica, con 20 mallas de luz e 50 bolas 3D no magnolio e ata 400 metros de grilanda de cor branca con flash no resto das árbores. 

O Palacete das Mendoza e o Edificio Administrativo acenderanse tamén ás 20.00 horas. En ámbolos dous espazos haberá cortinas luminosas nas cornixas e, no caso do Palacete tamén se alumeará a árbore-escultura que hai nun dos seus laterais.  Antes, ás 18.30 h terá lugar o acendido do Centro Príncipe Felipe que, como dixo a presidenta Carmela Silva, “para nós é moi importante xa que aquí viven menores que deben estar no mellor ambiente posible”. Neste caso, encheranse de luz o acceso ao centro, a avenida principal, o centro infantil, o centro Agarimo e a escola fogar.

Castelos de Soutomaior e Sobroso

O Castelo de Soutomaior e de Sobroso acenderán o alumeado o venres, 2 de decembro, ás 18.30 horas. En Soutomaior iluminaranse as torres da Homenaxe e do Conde con cortinas de 1,5, 6 e ata 9 metros de caída de cor branca cálida. Tamén a galería de damas, a muralla e a construción principal con cortinas luminosas de 1,5 m. Estas mesmas cortinas decorarán o castelo de Sobroso, que incluirá ademais as imaxes de cervos iluminados no seu recinto.

En Soutomaior, anunciou a presidenta, “temos preparada unha gran festa de Nadal”, que inclúe un mercadiño cunha vintena de expositores con produtos da provincia, artesanía, libros, viños e agasallos, que permanecerá operativo ata o 8 de decembro en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

Tamén hai visitas teatralizadas e obradoiros para nenas e nenos de entre 5 e 10 anos de idade que teñen “as prazas xa case esgotadas”. “Quedan –informou- 3 prazas para as visitas teatralizadas e os obradoiros están todos completos salvo o do 5 de decembro que ten dispoñible unha praza e o do 3 de xaneiro que conta con 12 libres”.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.