O ciclo de teatro da Deputación chega este venres ás Neves coa obra A louca historia de Galicia

A peza teatral, interpretada por Fulano, Mengano e Citano, poderase ver no auditorio municipal da vila a partir das 18:00 horas

07/12/2023

imaxe da obra

O ciclo de teatro da Deputación de Pontevedra “Tornar ás táboas” chega este venres 8 de decembro ata As Neves. O auditorio municipal será o escenario de A louca historia de Galicia, que interpretarán Fulano, Mengano e Citano, a partir das 18:00 horas, para público mozo e adulto. A entrada é libre ata completar a capacidade.

A louca historia de Galicia é un percorrido, en clave de humor, pola historia de Galicia, que atravesou “apaixonantes períodos de luz e sombras” que, como destaca a compañía, “fixeron de nós o que somos, ou o que algúns pensan que somos”. “Unha historia que demostra que os galegos sabemos rirnos de nós mesmos e dos outros…”, engade, e que segue medrando e enriquecéndose cada ano.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, desde outubro e ata finais de mes, un total de corenta e nove funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.