O tricampeón do mundo de muay thai, Carlos Coello, imparte este sábado un curso para cen persoas sobre esta arte marcial no pavillón de Tenorio

A actividade desenvolverase en horario de mañá e de tarde, e contará con participantes de todas as idades

15/09/2023

O pavillón de Tenorio, no concello de Cerdedo-Cotobade, acolle este sábado un curso de muay thai a cargo do tricampión do mundo desta arte marcial, Carlos Coello.

Este gaditano nacido en 1990 leva vivindo en Tailandia desde que fixo os 18 anos. Adestrou no berce desta arte marcial para chegar a converterse no primeiro deportista non tailandés en escalar ata as dez primeiras posicións do ránking mundial.

No pavillón de Tenorio, Coello ofreceralles unha clase mestra a máis de cen amantes dunha disciplina que non deixa de gañar adeptas e adeptos na provincia. “Agardamos a afluencia de máis de cen persoas de todas as idades”, explican desde a Federación Galega de Kickboxing, na que está integrada esta arte marcial.

A actividade consiste nun curso para practicantes desta disciplina que se desenvolverá en horario de mañá e de tarde este sábado no pavillón de Tenorio.

“Estamos encantados de apoiar estes deportes, que, aínda que son minoritarios, están a ter moito crecemento no noso territorio”, explicou o voceiro do Goberno provincial e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.