Un albergue con vistas á ría, “dos máis fermosos de Galicia”, cobra forma no edificio de Carril gracias aos 600.000 euros investidos pola Deputación

Carmela Silva, que vaticina novos premios de Arquitectura seguindo a estela da Escola Infantil de Vilaxoán, recorda que a obra tiña que ter sido feita pola Xunta de Galicia

04/07/2022

A estrutura do edificio inacabado que se situaba dende hai máis dunha década nun espazo privilexiado de Carril “mirando” para a ría de Arousa está a piques de rematar a súa transformación nun moderno albergue que será unha referencia arquitectónica e social en Vilagarcía, outorgándolle unha posición central na Variante Espiritual do Camiño de Santiago.  As obras, que contaron cun orzamento de 600.000 euros achegados pola integramente pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos, foron visitadas hoxe, na súa recta final, pola presidenta, Carmela Silva, e o alcalde, Alberto Varela. O remate dos traballos está previsto para o próximo día 31 deste mes de xullo.

A presidenta da Deputación agradeceu a organización desta visita “a unha obra que levo tempo querendo ver, porque este é un dos albergues máis singulares e fermosos de Galicia”. Carmela Silva mesmo vaticinou que o novo equipamento, deseñado polo mesmo equipo técnico que proxectou a galardoada Escola Infantil de Vilaxoán (tamén financiada ao 100% pola Deputación) terá premios de arquitectura. Mesmo fixo broma afirmando que cando as persoas que peregrinan comecen a aloxarse e a gozar da terraza con vistas  á illa de Cortegada e á ría “non van querer marchar desta construción extraordinaria, así que o alcalde vai ter un problema”.

Carmela Silva, que comprometeuse a volver para a inauguración oficial, destacou o mérito de executar unha obra dentro do prazo previsto no medio das turbulencias causadas pola crise de subministro de materiais e a alza de prezos, “algo que pasa en Vilagarcía, en Vigo e en Nova Iorque; e que tamén pasa en Cerdedo-Cotobade, onde goberna o PP, porque de feito a obra do plan provincial Plan ReacPon para reformar a Casa do Concello licitouse en pouco máis de 400.000 euros e, como quedou deserta, o Concello incrementou o seu orzamento nun 86%”. A presidenta subliñou que o albergue de Carril demostra que en Ravella hai un Goberno local que pensa no desenvolvemento de Vilagarcía e que na provincia hai unha Deputación que apoia a tódolos concellos.  Neste senso lembrou que a xestión do albergue vai ser cedida á Xunta, “que é a Administración que tería que ter feito esta obra, ao igual que fai noutros concellos”.

Alberto Varela destacou que esta obra, ao igual que a Escola Infantil, foi posible “porque temos unha Deputación que pensa nos concellos”. “Eu teño unha filla que puido estudar en Vilaxoán gracias á Deputación, porque, por estraño que pareza, resulta que en Vilagarcía para as cousas que son competencia da Xunta temos que acudir á Deputación. Cando queremos algo importante a porta á que temos que chamar é a Deputación, que sempre vai da man cos concellos. En cambio, a Xunta actúa ou non en función da coincidencia do signo político”. O alcalde lembrou, ademais, que esta obra atravesou dificultades a causa da pandemia, a crise de subministros e a alza dos prezos das materias primas “e pese a todo conseguimos salvar os obstáculos e imos rematala en prazo”. “Vai ser un albergue marabilloso, cunha presentación e unha fachada marítima que será a envexa de moitos outros”.

“Que Carmela Silva siga moitos anos”

O alcalde, en concordancia coas palabras da presidenta provincial, subliñou que tivo que vir a Deputación a financiar unha obra “que tiñan que ter feito outros” e recalcou que unha vez acabado o edificio do albergue, a partir do próximo día 31, a apertura oficial e a súa integración na rede de albergues do Xacobeo xa dependerá “da axilidade da Xunta de Galicia, que, xa que non fixo a obra civil, terá, cando menos, que poñer un pouco de mobiliario, unha lavadora e un microondas”. Neste contexto, Alberto Varela pediu publicamente que Carmela Silva continúe moitos anos á fronte da Deputación, “para seguir revolucionando esta provincia e seguir axudando aos concellos con financiamento regrado e con sensibilidade”.

O albergue de Carril ten capacidade para acoller 30 persoas. O edificio, que inclúe criterios de sostibilidade ambiental que reducen o consumo enerxético, incluíndo placas solares para a auga quente sanitaria, destaca pola súa imaxe exterior e polo aproveitamento total da estrutura dunha vella edificación, que quedou a medio construír, hai unha década para un centro sociocultural. O proxecto respectou o “esqueleto” de formigón e mesmo o gran baleiro central orixinal para conseguir un sorprendente acabado interior en dúas alturas. Neste oco situouse a gran “caixa” de madeira que acolle os dous andares cos cinco dormitorios comunitarios.  Os 500 metros cadrados totais do albergue repártense así en tres andares (baixo, primeiro e baixo cuberta) e contan, ademais, cunha finca exterior. No baixo está a recepción, que dispón dun vestíbulo con asentos e  librería-biblioteca. Esta zona comunícase mediante unha suave rampla cunha lavandería e cun espazo para bicicletas.  A carón, os servizos de climatización, auga quente e recollida de residuos. Tanto o primeiro andar como o baixo cuberta contan cunha distribución similar na que o ascensor e as escaleiras do edificio desembarcan nun amplo distribuidor con consignas para gardar efectos persoais, salas de estar, aseos e, no espazo central, o bloque de madeira dos dormitorios comunitarios, cada un deles con seis liteiras. Hai mesas de lectura, luz natural e boa ventilación. Todo elo iluminado por unha enorme cristaleira á ría que ocupa toda a fachada, e presidido pola privilexiada terraza.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.