Un mural da artista Tamara Baz chama en Gondomar a reaccionar fronte ás violencias machistas

A obra da creadora, que ocupa 20 metros de lonxitude, loce xa nun lateral do Campo de Fútbol das Cercas no marco do programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero”

05/05/2023

Violencia Zero en Gondomar

Tres rostros femininos, un cunha máscara na boca, outro cun anteface nos ollos e outro cuxo oído figura tapado, protagonizan o enorme mural que a artista Tamara Baz vén de pintar nun lateral do Campo de Fútbol das Cercas, en Gondomar, como nova proposta do programa provincial Mulleres en Acción. Violencia Zero. A obra, que ocupa vinte metros de lonxitude, fala das diferentes formas de violencia machista que as mulleres seguen a padecer na actualidade pero, ao mesmo tempo, “é un chamamento no espazo público para que a xente se comprometa fronte as violencias que sufrimos”, como destacou hoxe a presidenta da Deputación. Xunto a Carmela Silva, visitaron hoxe o mural o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, amais da concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro e persoal do CIM do Concello.

O mural, no que a artista traballou desde a pasada semana, presenta estes tres rostros femininos a modo dos san saru, os tres monos sabios xaponeses aos que a tradición atribúe o significado de “non ver, non oír, non dicir”. Como ten explicado Tamara Baz (Vigo, 1985), con eles busca condenar as diferentes formas de violencia machista: “Mulleres con máscara que teñen que mostrar unha cara que non é a real para poder estar aí, finxir un carácter autoritario, non empático, a modo do tópico masculino para poder acceder a postos de poder nas súas carreiras. Ou polo contrario,  hipersexualizadas como obxectos para alcanzar o éxito como tan a miúdo vemos nos medios. Mulleres ás que se lles tapa a boca, cuxo discurso é menosprezado por vir dunha muller. E a todas as que permanecen escondidas, en especial ás que están sufrindo violencia machista soas desde o silencio”. A creadora agradeceu poder participar no proxecto de “Mulleres en acción. Violencia Zero” e tamén o apoio que durante estes últimos días tivo da veciñanza que a veu traballar: “só recibín palabras bonitas”.

Carmela Silva lembrou tamén que “este mural representa a posición que as mulleres temos no mundo e ensina todas as discriminacións que podemos padecer e as dificultades de ocupar o noso espazo: ás veces, temos que disfrazarnos para poder ocupar os espazos de poder, outras, tápannos a boca para que non poidamos expresarnos ou nos ocultan”. Pero tamén, como quixo destacar, “é un chamamento á forza das mulleres; eses ollos falan sos e chámannos a actuar e rachar coas violencias e discriminacións que padecemos”. A presidenta provincial lamentou que co recoñecemento onte dun novo asasinato machista en Cádiz son xa 14 as mulleres vítimas este ano  “de asasinatos crueis”, amais de lembrar á menor asasinada este ano e aos orfos e orfas que deixa tras de si esta violencia. “De novo temos que dicir basta xa –lamentou-. Estamos fartas e esperamos que estas accións sirvan para que nos levantemos toda a sociedade e poñamos freo a unha situación que realmente é dramática, que as mulleres sexan asinadas, vítimas de agresións sexuais ou de tantas violencias só polo feito de ter nacido mulleres”.

Pola súa banda, o alcalde Francisco Ferreira, felicitou á artista polo seu traballo “e pola realidade que plasma, esa mirada forte destas tres mulleres que ninguén vai ser capaz de non pararse a contemplar para saber e ter claro a realidade dunha sociedade inxusta, na que temos que seguir loitando moito para que sexa realmente igualitaria”. Destacou que este tipo de accións supoñen “xestos e actos que van calando na sociedade e nos máis pequenos e pequenas para ese cambio” e que “se nas administracións non estamos convencidos e convencidas de que hai que pelexar porque a igualdade sexa unha realidade, nunca avanzaremos. Estes xestos e esta impronta deben quedar no territorio, ao paso de calquera veciño e veciña,  para que nunca esquezan de onde vimos e a onde temos que chegar, a esa igualdade real pola que loitamos”.  

O programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero” está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas”. Programáronse 25 novas accións noutros tantos concellos da provincia con 35 artistas participantes que realizan performance, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar á sociedade sobre as violencias machistas. Nesta edición, a institución recuperou a precursoras do programa, para xerar alianzas entre elas ou con novas colaboradoras, ideando xuntas pezas inéditas. Xa se celebraron accións en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán e Mos e, tras esta de Gondomar, as vindeiras serán en Oia, Baiona, O Rosal, Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.