A Deputación fará “unha aposta sen precedentes” no deporte provincial que se verá reflexada nos orzamentos de 2024

A vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias, deu conta da aprobación das axudas a deportistas de alto nivel, que chegan á cifra histórica máis alta con case 300 beneficiarios

13/09/2023

Deporte de alto nivel

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra e responsable da área de Deportes, Marta Fernández-Tapias, anunciou en rolda de prensa as axudas nas que a institución provincial está a traballar para apoiar o deporte de alto nivel, na súa “aposta sen precedentes” por converter a esta disciplina nun eixe estratéxico do actual mandato. A vicepresidenta deu conta en primeiro lugar da resolución das axudas a deportistas de elite, con récord histórico de beneficiarios, e tamén avanzou unha nova liña na que está a traballar a institución provincial para apoiar os deportistas da provincia que se clasifiquen nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024.

Marta Fernández-Tapias lembrou que “a provincia está tendo moito éxito no ámbito deportivo, estamos colleitando un palmarés cheo de grandes trunfos” e, por iso, “desde a Deputación de Pontevedra temos moi clara a folla de ruta que imos seguir neste mandato no deporte, intensificando o noso apoio porque é un dos nosos eixos estratéxicos”. Esta aposta, que a vicepresidenta cualificou como “sen precedentes”, terá o seu reflexo nos orzamentos de 2024 “con novos proxectos, propostas e programas”.

En relación ás bolsas a deportistas de elite, Marta Fernández-Tapias sinalou que este ano a liña da Deputación chegará a un total de 286 deportistas, “un récord de beneficiarios coa cifra máis alta histórica nesta liña de axudas” que permite “costear a súa participación en competicións e traer os seus logros á casa”. Trátanse en total de 250.000 euros que serán distribuídos entre 190 deportistas de alto nivel (nos que se inclúen 12 deportistas con discapacidade) e  96 novas promesas que recibirán ata un máximo de 3.000 euros. Vanse beneficiar, en palabras da vicepresidenta, “grandes nomes da nosa provincia como Teresa Portela, Desirée Vila, os irmáns Rodríguez Huertas (Iria, Roi e Uxía), Susana Rodríguez Gacio, Antía e Daniel Chamosa, Agustín Alejos, Antía Jácome ou Tono Campos, isto é, unha ampla representación do deporte de alto nivel da provincia”.

Ademais, Fernández-Tapias tamén avanzou outra liña de apoio ao deporte de alto nivel da provincia que porá en marcha a Deputación o próximo ano. “Estamos traballando para poder habilitar unha partida específica para os olímpicos e paralímpicos que van participar nas Olimpíadas de París 2024”, da que sinalou que “aínda é cedo para concretar detalles porque quedan disciplinas por competir e non sabemos cantos deportistas nos representarán”. “As nosas expectativas –asegurou a vicepresidenta- están moi altas. Case xa podemos asegurar que teremos máis deportistas ca en Toquio 2020”. Por estes motivos, avanzou que “estamos pechando os detalles da liña, traballando co escenario máis optimista, co maior número de deportistas, e podemos asegurar que haberá orzamento suficiente para responder”.

Marta Fernández-Tapias asegurou que o deporte, ademais dun eixe estratéxico do goberno da Deputación, “é unha marca de identidade, como son todos os deportistas da provincia: é un orgullo como contribúen a proxectar a imaxe da provincia en todo o mundo, con medallas que estamos recibindo nun goteo semanal”. A vicepresidenta sinalou que “non queremos que ningún deportista teña que renunciar ao seu soño por falta de apoio, e para iso estamos as administracións”. A Deputación de Pontevedra, neste sentido, “apoiará desde o deporte de base ata o máis alto nivel, tanto federado como non federado, porque somos conscientes de que o esforzo é moi grande e a nosa obriga e compromiso é apoialo”, un compromiso “que asumo en primeira persoa como responsable de Deportes da Deputación”.

audios