O vicepresidente, Rafa Domínguez, anunciou o ofrecemento de espazos e recursos do Museo ao tecido cultural da cidade

22/09/2023

REUNIÓN DEPO MUMI

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou o ofrecemento de espazos e recursos do Museo de Pontevedra ao tecido cultural da cidade para a realización de actividades culturais na reunión que acaba de ter con Xaime Toxo e Antón Sobral, representantes do Ateneo, na que leu un fragmento do poema “¡Oh yo, vida!” de Walter Whiteman.

Con este ofrecemento “enriquecemos a nosa comunidade e fomentamos a participación activa da cidadanía en actividades culturais”, salientou o vicepresidente ao tempo que destacou o “firme compromiso da Deputación coa promoción e o fortalecemento da cultura local” e puxo en valor o papel e a contribución destes colectivos, entre os que situou o Ateneo, “ao patrimonio cultural da cidade”. O vicepresidente Domínguez asegurou que este ofrecemento, que “apoiará as actividades das asociacións culturais de Pontevedra”, forma parte dunha liña de diálogo aberto e colaboración entre ambas partes para “traballar da man, comprender as súas necesidades e brindarlles o apoio para que poidan continuar ofrecendo experiencias culturais enriquecedoras á comunidade”. E confirmou que, entre os colectivos culturais da cidade, o Ateneo será un dos beneficiados.