O protagonismo feminino no convento de Santa Clara, eixo do segundo vídeo do semanario de escavacións

A peza, xa dispoñible nas redes da Deputación e o Museo, fai referencia a figuras chave na historia da construción

29/09/2022

O Museo de Pontevedra vén de facer público o segundo episodio dos vídeos do Semanario de Escavacións sobre o estudo arqueolóxico e histórico-artístico que se está a realizar no convento de Santa Clara. Nesta segunda peza o coordinador do apartado histórico-artístico Suso Vila explica o protagonismo feminino que se desprende do estudo da documentación, e a restauradora da intervención, Aldara Rico Rey, fala do procesado dos materiais recollidos nas escavacións, principalmente cerámica (séculos XV a XVIII), alfinetes ou restos óseos.

Segundo Vila, doutor en Historia da Arte responsable da recollida da documentación histórica e a análise bibliográfica dos volumes que existen sobre Santa Clara en todo o relacionado co convento de Santa Clara o protagonismo é feminino, tanto dentro dos edificios da clausura, como fóra del, en toda a cidade de Pontevedra. En concreto, o historiador revela que ao longo de máis de 700 anos de historia houbo personaxes destacables como a fundadora Leonor Rodríguez, da casa dos Mariño, enterrada na igrexa; Leonor de Montenegro, quen promocionou o retablo maior; ou Sor María de San Antonio, quen participa na construción da sillería do coro a comezos do século XVII.

Dado o traballo complexo que se está a realizar cóntase cunha equipa multidisciplinar específica para cada parte das tarefas. Pola súa parte, a responsable de restauración Aldara Rico Rey fala das sondaxes que se están a realizar no interior da construción e na parte da finca, onde segundo revela, destaca -tanto por número de pezas aparecidas, como pola variedade das súas formas- a cerámica atopada en diferentes niveis en función da súa antigüidade, dende o século XV ata o século XVIII.

Tamén subliña a existencia de alfinetes nos enterramentos do claustro e incluso restos dun sudario, así como numerosos restos humanos, algúns en bo estado de conservación e outros máis deteriorados.

Este segundo vídeo é un dos tres que o Museo de Pontevedra vai publicar sobre os achados das escavacións arqueolóxicas que se están a realizar en Santa Clara. A primeira peza, xa pública, deu conta dos primeiros traballos nas catas: a aparición de restos de edificacións antigas e a diferenciación de novas construcións, elementos estruturais, e varias zonas de enterramentos con información valiosa para comprender a evolución do convento ao longo do tempo. As producións audiovisuais estanse a realizar grazas ao contrato asinado polo Museo coa unión temporal de empresas ‘Citania+Prospectiva+Gabinete’, encargada do estudo dos máis de 15.ooo metros cadrados do conxunto histórico artístico.

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.