A Deputación supervisa os traballos de conservación en dúas estradas provinciais de Vilanova de Arousa valorados en 100.000 euros

Os deputados provinciais Isabel Couselo e Javier Tourís visitaron co alcalde Gonzalo Durán as estradas entre Baión e András e entre Vilanova e Ponte Arnelas, onde a Deputación acomete os traballos de reposición do firme

23/11/2023

Xornada organizada polo Clúster de Turismo de Galicia

Os deputados provinciais de Infraestruturas Públicas e Mobilidade e de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos, Isabel Couselo e Javier Tourís, respetivamente, supervisaron esta mañá en Vilanova de Arousa xunto co alcalde da vila, Gonzalo Durán, as obras que se están a realizar na EP-9701, a estrada provincial que une as parroquias de Baión e András, e na EP-9703, entre Vilanova e Ponte Arnelas, para a conservación dos seus firmes cun investimento próximo aos 100.000 euros e que supoñen actuar en 1,3 quilómetros destas vías.

A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade sinalou que “para este Goberno da Deputación é prioritario garantir a seguridade nas estradas provinciais e, por iso, os traballos de conservación e mantemento son fundamentais”. Pola súa banda, o deputado Javier Tourís asegurou que “traballamos por e para a provincia de Pontevedra e para mellorar a calidade de vida e a seguridade dos veciños de Vilanova”.

En canto á estrada entre Baión e András, a deputada provincial sinalou que cos traballos desenvolvidos a Deputación se anticipa “ao que vai vir despois, a ansiada mellora da seguridade viaria, do trazado, das condicións de accesibilidade e de seguridade e de creación da senda peonil para a veciñanza”. Couselo adiantou que “nos próximos días veremos patente un borrador co trazado de como quedará esta estrada tras a mellora, unha demanda e prioridade fundamental tanto para a Deputación coma para o Concello de Vilanova de Arousa”.

As actuacións que se están a desenvolver, contempladas dentro do acordo marco que regula as obras de conservación de firmes na rede viaria da Deputación, abranguen algo máis dun quilómetro na EP-9701 Baión-András, cun orzamento estimado de 60.000 euros, e 300 metros na EP-7203 Vilanova-Ponte Arnelas, cun investimento estimado de 36.000 euros.