Carmela Silva enxalza as melloras impulsadas pola Cooperativa Agrícola de Forcarei cos recursos da Deputación para o sector primario

Cos 111.000 € recibidos de axudas provinciais ao sector primario, COAFOR construíu unha nave, mellorou as estruturas agropecuarias, os equipamentos e sistemas produtivos e  adquiriu nova maquinaria para o desenvolvemento da actividade comercial

25/02/2023

Cooperativa Agrícola de Forcarei

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de visitar xunto á alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, as instalacións da Cooperativa Agrícola de Forcarei (COAFOR), a única cooperativa agraria da provincia presidida por unha muller, Rocío Corral. Na súa visita, a presidenta tivo a oportunidade de comprobar de primeira man o funcionamento da entidade e o resultado final dos proxectos e obras que impulsou cos 111.000 € que acadou de axudas provinciais ao sector primario nos últimos sete anos.

A través das achegas da Deputación, COAFOR fixo fronte á construción dunha nave para forraxe (cunha achega de 19.361 euros), acometeu melloras nas estruturas agropecuarias e sistemas produtivos (cunha axuda de 16.197 €), e  optimizou o seu equipamento, apostando polas novas tecnoloxías (cunha subvención de 29.084,14 €). A cooperativa tamén acadou fondos para a adquisición de maquinaria e medios informáticos (15.490,14 €), mercou unha carretiña portapedidos e instalou placas fotovoltaicas (19.862,23 €) e, finalmente, destinou recursos para a compra dunha furgoneta, unha apañadoira de pataca e un programa informático (11.303,45 €).

A presidenta analizou coa directiva da cooperativa a necesidade de poñer en valor o traballo no sector agrogandeiro e promover medidas de conciliación da vida laboral e persoal nun sector que está en activo os 365 dias do ano, aspecto no que incidiu a presidenta da Cooperativa ante a demanda de persoal para equipos de substitución que non se cubre.  Amais, durante o percorrido polas instalacións, Carmela Silva lembrou a Rocío Corral que a Deputación ven de publicar as bases da convocatoria de 2023 e convidouna a que seguisen solicitando estas achegas da institución provincial cuxo prazo está aberto ata o 13 de marzo. Tamén felicitou á entidade por recorrer aos servizos públicos postos en marcha pola Deputación xa que, xunto as axudas ao sector primario, tamén é usuaria dos servizos prestados na Finca Mouriscade, tanto no laboratorio (para a realización de analíticas de alimentación animal) como da granxa (para a implantación de embrións).  Neste sentido convidou a cooperativa a visitar as instalacións e os novos servizos en marcha a través da renovada web de Mouriscade.

Con motivo da súa visita á sede de COAFOR, a presidenta tamén tivo oportunidade de coñecer como os fondos da Deputación están a ser determinantes para que o concello poida mellorar os camiños locais que dan acceso a granxas e parcelas para aproveitamento agrario no termo municipal. Deste xeito, desde 2020 Forcarei investiu 399.000 € do Plan Concellos para a mellora da vía e as marxes da vía da Graña de Umia a Xestoso, en Quintillán (151.502,73 €); a mellora de camiños de acceso a parcelas nas Rabadeiras, Dúas Igrexas (89.166,80 €); a mellora da vía e as marxes en Quintillán (115.308,16 €) e a mellora da vía de Valadares á Lagoa (43.134,50 €). Os investimentos, sumando os fondos achegados polo Concello, superan os 500.000 euros.

Galerias de imaxes

videos