A Deputación de Pontevedra supervisa os traballos de reparación do firme da estrada do Muíño, en Poio

A actuación ten un orzamento de 153.000 euros e abrangue un treito de 1,5 quilómetros no inicio da vía, no entroncamento coa estrada autonómica PO-308

03/10/2023

VISITA ISABEL COUSELO OBRAS EP-0306 POIO

A deputada provincial de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, visitou esta mañá, acompañada do alcalde de Poio, Ángel Moldes, e do concelleiro de Obras, Marcial García, as obras que a Deputación de Pontevedra está a acometer na EP-0603 e na PO-308-O Muíño-Campañó desde a semana pasada para mellorar a seguridade viaria nun treito de 1,5 quilómetros. Os traballos teñen un orzamento de 153.000 euros e un prazo de execución de catro meses.

Este proxecto ten por obxecto reparar a estrada e mellorar a súa capa de rodaxe no seu entroncamento coa estrada autonómica PO-308 mediante a extensión dunha capa de formigón bituminoso en quente. Ademais, o proxecto tamén inclúe a reposición da sinalización, tanto horizontal coma vertical, do tramo afectado. Na actualidade, tras os traballos de saneamento e sobreancho da zona, estanse a executar labores de fresado e de instalación da nova capa de rodaxe.

Nunha fase anterior, a Deputación xa acometeu actuacións neste tramo da vía para dotala de espazos seguros para o tránsito peonil, coa instalación de cunetas transitables para viandantes e ciclistas. Tamén se arranxaron os problemas ocasionados polas augas pluviais que se acumulaban na vía, que, ao ser estreita, cunha pendente e  con edificacións ás súas beiras, provocaba escoamento das augas.