Abre o prazo de solicitude para participar nos workshops de turismo que a Deputación organiza en Alacante e Barcelona

Nestes eventos de promoción, organizados co sector e pechados para outubro, participarán ata un máximo de 25 empresas de aloxamento, intermediación e turismo activo, así como adegas e entidades. O prazo de solicitude estará aberto ata o 21 de xullo

27/06/2023

A Deputación de Pontevedra abre o prazo de solicitude para participar nos workshops de turismo que se celebrarán en outubro de 2023. Barcelona e Alacante serán as cidades que acollerán esta iniciativa que a institución provincial leva organizando e colaboración co sector do turismo dende fai dous anos e que ten percorrido xa cidades como Valencia, Madrid, Bilbao e Sevilla. Estas actividades de promoción turística están abertas ata un máximo de 25 empresas de aloxamento, intermediación e turismo activo, así como adegas e, en xeral, entidades do sector que terán ata o 21 de xullo para inscribirse en www.workshopsriasbaixas.com. As empresas participantes terán a oportunidade de reunirse con máis dun centenar de axentes emisores tanto na cidade valenciana como na catalá, aos que poderán dar a coñecer os servizos que prestan na provincia e a ampla oferta turística do destino.

Está previsto que o primeiro dos workshops teña lugar o 18 de outubro en Alacante e continúe o segundo o 19 en Barcelona. Cada unha das xornadas ten unha estrutura de funcionamento similar, coas reunións de networking profesional entre empresas emisoras de ámbalas dúas cidades, previamente convocadas pola Deputación de Pontevedra, e as entidades da provincia integradas por axencias maioristas de receptivo, hoteis e outros tipos de aloxamento, así como unha variedade de empresas que ofrecen servizos complementarios como adegas, empresas de chárter náutico ou de turismo activo para ofrecer unha visión ampla e diversa do que Rías Baixas pode ofrecer como destino turístico. A continuación celébrase unha presentación do destino na que, baixo a marca Rías Baixas e Orixe, amosaranse os atractivos turísticos da provincia baixo o concepto de sostibilidade. O broche de ouro da actividade será a posta en valor da enogastronomía como vector esencial para visitar Rías Baixas, a través dunha degustación con produtos típicos da provincia.

Neste 2023 téñense seleccionado Alacante e Barcelona ao tratarse de importantes mercados emisores para o destino Rías Baixas. Barcelona, a segunda cidade de España, ten moito interese polo nivel de renda, o peso das persoas visitantes catalás e a conexión aérea directa con Vigo. No caso de Alacante, a cuarta provincia máis poboada de España, conta con conexión directa en tren con Galicia nun tempo de 5 horas e unha área metropolitana de ata 850.000 habitantes con especial interese na provincia de Pontevedra.

Os workshops de Turismo Rías Baixas trátanse de iniciativas que forman parte do Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023, aprobado pola Deputación, e teñen como obxectivo promover a competitividade do destino Pontevedra Provincia.