Libera, a Deputación e a FEMP impulsan unha xornada de concienciación sobre o problema da basuraleza

A deputada Iria Lamas participou na mesa de debate “Experiencias municipais no Proxecto LIBERA” onde salientou o liderado dos nenos e nenas na concienciación ambiental nos fogares

24/11/2022

Xornada basuraleza

O Salón de Actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra acolleu unha xornada sobre o Proxecto LIBERA baixo o lema “Unidas e unidos contra a basuraleza” organizada polo proxecto de SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes, a institución provincial e a Federación Española de Municipios e Provincias. Ademais de ser a anfitrioa, a Deputación participou nunha mesa redonda sobre experiencias municipais no Proxecto LIBERA na que interveu a deputada de Medio Ambiente, Iria Lamas. Na xornada tamén se deron cita Bruno de Llano, representante de Ecoembes en Galicia, as persoas coordinadoras do proxecto Libera en Ecoembes, Sara Güemes, e en SEO/BirdLife, Miguel Muñiz, e o técnico de Medio Ambiente do Concello de Cervo, Javier Lamelas.

O evento tivo como obxectivo informar as entidades locais galegas das principais iniciativas, recursos e apoio que ofrece o Proxecto LIBERA para previr a basuraleza nas contornas naturais, e intercambiar experiencias reais sobre esta problemática e a súa implementación entre entidades rexionais e locais que xa forman parte do proxecto.

A deputada de Medio Ambiente, Iria Lamas, sinalou que “a experiencia da Deputación de Pontevedra neste proxecto obedece á nosa política transversal de coidado do medio ambiente. Temos un compromiso co Planeta e aplicámolo a todo o que podemos dentro das nosas competencias”. A deputada sinalou que nas actividades organizadas pola Deputación dentro do Proxecto LIBERA “os nenos e nenas foron as máis comprometidas e son en moitos casos quen fan a concienciación ambiental nos fogares, e gozan colaborando coa natureza”. Aparellos pesqueiros, envases de plástico, latas, botellas ou cabichas foron algúns dos obxectos máis comúns de basuraleza atopados.

Lamas recalcou que “a conclusión da nosa participación é que hai demanda destas actividades, que non van só de recoller senón de concienciar, xa que as persoas participantes coméntano coas súas contornas e así, unha a unha, imos sumando para conseguir o noso obxectivo”. Ademais, fixo fincapé na necesidade de que “as administracións actuemos conxuntamente, cada unha dentro das súas competencias, e levemos as políticas ao máis doado para podermos cumprir a Axenda 2030”. Neste sentido lembrou outras iniciativas impulsadas pola Deputación á marxe de LIBERA, como as campañas de concienciación “Somos Historias, Somos Sostibles” e “Experiencias SOStibles”.

A Deputación de Pontevedra adheriuse ao Proxecto LIBERA en setembro de 2020. Ata o momento organizáronse as seguintes xornadas de recollida en espazos naturais da provincia de Pontevedra: “1 m2 polas praias e os mares” nas praias de Area de Cruz, no Grove, e de Nerga, en Cangas; “1m2 polos ríos, lagos e embalses” na contorna da Ponte da Taboada, en Silleda; e os eventos anuais “1m2 contra a basuraleza” na praia fluvial da Freixa, en Ponteareas, e na praia do Muíño, na Guarda. Todo o lixo atopado nestes espazos é clasificando utilizando unha aplicación móbil e a información incorpórase á base de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico co fin de buscar estratexias que rematen con este problema ambiental.

Galerias de imaxes

Noticias relacionadas

 
		A Deputación celebrará o Día Mundial do Medio Ambiente co arranque dos “Bosques Terapéuticos”

A Deputación celebrará o Día Mundial do Medio Ambiente co arranque dos “Bosques Terapéuticos”

A presidenta de Teachers for Future, Miriam Campos, lerá este sábado 4 o manifesto “Unha soa Terra” na saída do programa pola Ruta da Pedra e da Auga en Meis 

 
		A Deputación convoca para o sábado 19 a xornada de retirada de “Basuraleza” en Silleda ao abeiro do proxecto Libera

A Deputación convoca para o sábado 19 a xornada de retirada de “Basuraleza” en Silleda ao abeiro do proxecto Libera

As persoas que desexen participar como voluntarias nesta actividade, para a que hai un máximo de 20 prazas, poden inscribirse xa a través da web provincial