A Deputación organiza este xoves en Salvaterra de Miño unha xornada sobre receitas típicas desta época para as persoas usuarias de teleasistencia domiciliaria

A xornada está dirixida ás preto de 40 persoas usuarias deste servizo nos concellos de Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas

12/12/2023

A Deputación de Pontevedra organiza este xoves 14 de decembro en Salvaterra de Miño unha xornada sobre receitas típicas desta época do ano dirixida ás persoas usuarias de teleasistencia domiciliaria da contorna. A actividade de dinamización enmárcase no programa “Cidadanía activa-rede maiores” deste servizo que promove a institución provincial a través dun convenio de colaboración cos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

Á xornada que durará unha hora, terá lugar no salón de plenos do concello de Salvaterra de Miño, ás 11:00 h, e están convocadas preto de 40 persoas que empregan na actualidade a teleasistencia domiciliaria tanto neste concello como en Salceda de Caselas. Todas elas poderán asistir tanto soas como cunha persoa acompañante e durante a xuntanza poderán coñecerse e compartir experiencias.

O servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra chega na actualidade a un total de 636 persoas en todo o territorio da provincia. O servizo, que se presta desde 1998, está destinado a persoas maiores ou discapacitadas que vivan soas ou ás persoas que estean acompañadas e teñan as súas facultades moi minguadas para valerse na vida cotiá.