O Museo presenta unha colección de publicacións ‘Esenciais’ sobre os seus fondos máis importantes

‘Castelao no Museo de Pontevedra’ é o primeiro volume, ao que seguirá outro sobre o Tesouro de Caldas  

26/04/2022

Presentación de Esenciais no Museo  

O Museo de Pontevedra presentou hoxe unha nova colección de publicacións denominada 'Esenciais' que pretende divulgar de maneira amena e alcanzable información sobre os seus fondos e temáticas máis importantes. O primeiro exemplar está dedicado a Castelao, figura destacada no nacemento do Museo e a única á que a entidade ten dedicadas de forma monográfica dúas salas expositivas como artista.

O libro, titulado 'Castelao no Museo de Pontevedra', foi dado a coñecer hoxe nunha presentación na que participaron o vicepresidente César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey, a responsable de Publicacións Ángela Comesaña e o coordinador de Difusión e Contidos Divulgativos e autor dos textos, José Manuel Castaño.

As publicacións da colección están pensadas para un público non especialista e editaranse nun formato manexable e cómodo, cun deseño atractivo e sinxelo, que terá entre as máis de 100 páxinas do primeiro volume e as 20 ou 30 dos seguintes títulos. Cada dez exemplares monográficos porase a disposición unha caixa contedora para as persoas que os queiran coleccionar. Os idiomas dispoñibles serán o galego, o español e o inglés, "para saír ao mundo máis internacional", en palabras de Ángela Comesaña. A saída á rúa iníciase cunha tirada de 500 exemplares en galego que moi probablemente precisen dunha reedición. O prezo para o público será de dez euros.

O vicepresidente César Mosquera asegurou que con esta colección o Museo colócase á vangarda de algo que está esquecido no mundo da arte, que é a unificación do rigor científico e o coidado da parte divulgativa. Destacou que o título de 'Esenciais' é moi acertado porque abordaranse os fondos máis importantes da colección do Museo achegando a información máis básica e importante de cada un deles. "Facer publicacións así é un eixo incluído no Plan estratéxico do Museo. Esta é a liña pola que hai que seguir e avanzar. Entre a comunicación pura -como é deseñar unha nova imaxe para o Museo- e a investigación rigorosa hai un grande campo que abordar", sinalou.

Pola súa banda, o director Xosé Manuel Rey, salientou que 'Esenciais' xorde do desexo de renovación da política editorial que vén levando adiante o Museo e que quere dar pulo tanto aos soportes tradicionais como a xerar novas narrativas sobre as coleccións propias. Neste sentido destacou que, ademais de na colección de monografías, estase a traballar na dinamización da revista que edita o Museo desde 1942 e que tivo unha "estocada" en 2008.

Sobre a nova colección, Rey sinalou que quérese avanzar na comunicación científica de maneira amable que "debe estar presente de maneira irrenunciable en calquera Museo moderno". Subliñou que as autoras e autores das monografías serán persoal especializado tanto propio do Museo como alleos co fin de achegar as voces máis autorizadas ao público. Destacou neste sentido que está en marcha o segundo número de 'Esenciais', que versará sobre o Tesouro de Caldas.

O coordinador de Difusión e autor dos textos de 'Castelao no Museo de Pontevedra', José Manuel Castaño, explicou que o autor rianxeiro é o protagonista da primeira publicación da nova serie de 'Esenciais' porque, xunto aos fondos arqueolóxicos, son as 'chaves' no eido educativo da institución. Subliñou que o texto busca presentar ao autor non de forma cronolóxica, senón en función de como están artelladas as salas dedicadas a el no Museo, para que aquelas persoas que viron a sala, as que a van ver por primeira vez, ou as que queiran repetir, poidan facer unha composición de lugar de como está estruturada a súa colección visible, ademais de tamén coñecer parte dos fondos que están nas salas de reserva lonxe da vista do público.

Os capítulos nos que se divide o libro de Castelao son: Castelao no Museo de Pontevedra, O Álbum Nús, A viaxe de 1921, Castelao e a Sociedade Polifónica, Castelao viñetista, Castelao artista e escritor, As cruces de pedra, Castelao e o cartelismo e Os álbumes de guerra.

Galerias de imagenes

videos