#CULTURA
O río que nos move
A Deputación de Pontevedra e a Asociación Cultural 40 Anos do Descenso do Miño presentan un proxecto expositivo en tres concellos do Baixo Miño (Tui, O Rosal e A Guarda), dentro do ciclo de exposicións que se levarán a cabo nun total de oito concellos do curso do gran río de Galicia (Meira, Lugo, Portomarín, Ourense, Castrelo de Miño e os tres citados da provincia de Pontevedra).
Trátase dunha mostra de 99 fotografías tomadas en 1985 por cinco mozos do Baixo Miño que, con idades entre os 21 e os 23 anos, decidiron descender o Miño na súa totalidade, sen ningún equipo de apoio e en canoas construídas por eles mesmos; algo que ninguén fixera antes.
Pasados corenta anos desa aventura, traémola ao presente coa exposición, pero tamén con coloquios e debates para reflexionar sobre o estado do río e o potencial inmenso que nos ofrece. No tempo dos camiños e camiñantes, a do pai Miño é a gran ruta por descubrir: O Miño tamén É Camiño.
Calendario da itinerancia:
- O Rosal: do 23 de xullo ao 21 de agosto, na Casa do Concello.
Inauguración: 23 de xullo, ás 20:00 horas. - Tui: do 2 ao 24 de setembro, no edificio de usos múltiples Área Panorámica.
- A Guarda: do 10 ao 27 de novembro, na Casa dos Alonso (sede do Concello).