LETRAS GALEGAS 2025

Os nomes da nosa terra

Baiona, A Illa de Arousa, A Lama e Rodeiro

A toponimia en xeral, e a microtoponimia en particular, é un testemuño da historia e dos modos de vida dun pobo e das características e distribución do territorio no que desenvolveu a súa actividade; por iso, cómpre preservala, estudala e difundir súa a importancia cultural.


A Xunta de Galicia e a Real Academia Galega crearon Galicia Nomeada, unha plataforma colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela. Neste momento é o proxecto máis ambicioso e importante para a salvagarda do noso patrimonio inmaterial, porque non só se recollen os topónimos que humanizan cada recuncho da nosa terra e do noso mar, senón toda a tradición oral asociada a eles (lendas, etimoloxías populares, refráns, cantigas...).

Co obxectivo de divulgar este legado, desde 2021 estanse elaborando pequenos vídeos documentais, dentro da serie Os nomes da nosa terra, sobre distintas zonas de Galicia, nos que se fai fincapé nun aspecto determinado.

Neste sentido, a Deputación de Pontevedra, consciente da variación e da riqueza existente no noso territorio, quere sumarse a este proxecto divulgador co obxecto de transmitir o interese pola orixe dalgúns dos topónimos da xeografía da nosa provincia.

No ano 2024 fixéronse catro novos capítulos financiados pola Deputación de Pontevedra: os topónimos da serra do Cando, para visibilizar a riqueza dos nomes das serras galegas postos por pastores; a toponimia lendaria de Rodeiro, onde se fai fincapé nos nomes de castros, penedos e pontes que agochan lendas milenarias; a talasonimia (os nomes do mar) da Illa de Arousa; e a do litoral de Baiona. Nestes dous últimos capítulos faise fincapé na riqueza dos nomes do mar e do mundo singular que reflicten, un coñecemento do medio moi particular e exclusivo dos vellos mariñeiros e das mariscadoras que desaparece a pasos de xigante.

A SERRA DO CANDO

BAIONA

 

A ILLA DE AROUSA

RODEIRO