#IGUALDADE

Plan de Igualdade

A través do Plan de Igualdade da Deputación de Pontevedra elimínase toda discriminación contra as mulleres e impúlsase o avance no desenvolvemento dun marco favorable de relacións laborais baseado na igualdade de oportunidades, a non discriminación e a tolerancia cero ante as situacións de violencia contra as mulleres, promovendo un entorno seguro e saudable para todo o persoal ao servizo desta administración.


Así todos os servizos, departamentos e persoal da institución provincial pódense acoller ás medidas incluídas no Plan de Igualdade. Entre outras cuestións, o plan contén todas as medidas que contempla o Pacto do Estado en materia laboral, así como as medidas que o Senado recolleu contra as violencias machistas. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra está a dar un paso máis adiante xa que as cuestións abordadas no Pacto do Estado en materia laboral e contra as violencias machistas aínda non foron desenvolvidas por outras administracións.

Ademais, o I Plan de Igualdade da Deputación de Pontevedra trátase do primeiro dunha administración pública española que se elaborou en base a unha auditoría laboral de xénero, que contén unha análise exhaustiva da área salarial do persoal baixo a perspectiva de xénero, cumprindo os termos establecidos en todas as recomendacións. Cunha vixencia de tres anos, o plan pretende dar cumprimento á normativa existente no Estado e á lexislación galega, pero ampliando o concepto de discriminación en liña cos obxectivos do Convenio de Istambul.

Os principais eixos de actuación do Plan de Igualdade son remover os obstáculos que impliquen calquera tipo de discriminación coa fin de ofrecer condicións de igualdade efectiva no acceso ao emprego público e no desenvolvemento da carreira profesional; facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, sen menoscabo da promoción profesional; fomentar a formación en igualdade, tanto no acceso ao emprego público como ao longo da carreira profesional; promover a presenza equilibrada de mulleres e homes nos órganos de selección e valoración; establecer medidas efectivas de protección fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo; establecer medidas efectivas para eliminar calquera discriminación retributiva, directa ou indirecta, por razón de sexo e avaliar periodicamente a efectividade do principio de igualdade nos seus respectivos ámbitos de actuación.

Para acadalo o Plan de Igualdade ten por obxectivos promover o principio de igualdade garantindo as mesmas oportunidades profesionais; garantir a ausencia de discriminación por razón de sexo, e especialmente as derivadas da maternidade, paternidade, a asunción de obrigas familiares, o estado civil e condicións laborais; eliminar toda manifestación de discriminación na promoción interna e selección co obxecto de acadar na empresa unha representación equilibrada da muller no cadro de persoal; previr o acoso laboral, sexual e por razón de sexo; promover mediante accións de comunicación e formación da igualdade en todos os niveis da organización; facilitar a conciliación da vida profesional, persoal e familiar; evitar os posibles riscos derivados do traballo nas mulleres en situación de embarazo ou en período de lactación; prestar apoio no ámbito laboral ás vítimas de violencia de xénero; fixar obxectivos concretos de igualdade dentro duns prazos de tempo razoables e establecer sistemas eficaces de control interno e avaliación externa sobre o cumprimento dos obxectivos.

ODS NOS QUE TEN IMPACTO