#IGUALDADE

Precursoras da Sustentabilidade e da Axenda 2030

“As mulleres sosteñen o peso dun ceo que cae”. Barbara Kingsolver, 2018

No Informe Gender Snapshot, o progreso no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS): Panorama de xénero 2022, daONU, afírmase que “ao ritmo actual precisaranse 286 anos para alcanzar a igualdade de xénero”.


Este proxecto pretende recoller a memoria de mulleres de todo o mundo, do pasado e do presente, que contribuíron, cos seus coñecementos científicos, empíricos, co seu activismo e a través de redes solidarias, á sustentabilidade do planeta Terra e da vida, mesmo antes de que as comunidades científicas e os gobernos fosen conscientes da gravidade dos problemas ambientais, sociais, políticos e de igualdade que ameazan a vida, derivados da alianza entre o patriarcado e o capitalismo depredador. Para afrontar os enormes desafíos globais actuais é preciso apostar por cambios estruturais no sistema en que vivimos. É preciso poñer a vida e os coidados no centro, tal como se defende desde os ecofeminismos, para conseguir un desenvolvemento económico e social harmónico.

Queremos salientar, nomeadamente, a pertenza de mulleres españolas notables das primeiras décadas do século xx á Residencia de Señoritas, ligada á Institución Libre de Enseñanza, para poñer de manifesto a súa importancia durante a Segunda República española na educación das mulleres, a súa promoción profesional e a súa adhesión á causa feminista, así como a importancia do traballo en rede a acción colectiva transformadora dunha gran parte das precursoras seleccionadas. Con este proxecto búscase contribuír a escribir un capítulo desa metade da historia, que aínda está incompleta:
A historia das mulleres no desenvolvemento sustentable!

Recursos

Creamos un conxunto de recursos nos que o enfoque de xénero é transversal, susceptibles de ser utilizados en ámbitos de educación formal, informal e non formal, de modo que, a través das biografías das precursoras, das súas accións e actuacións, e dun videoxogo, se poden deseñar diferentes actividades.

Con esta finalidade elaboráronse:

Un conxunto de corenta biografías de mulleres precursoras do Desenvolvemento Sustentable

Pertencentes a diversos ámbitos; mulleres galegas, europeas, asiáticas, americanas, africanas, mulleres de diferentes idades, brancas ou racializadas; mulleres do pasado e do presente. Non se trata só de biografías ao uso, senón tamén de amosar a súa actividade en relación coa situación planetaria, co actual modelo de desenvolvemento capitalista e patriarcal, coa súa actividade artística, cos seus compromisos políticos e cidadáns, coa igualdade e co feminismo, co desenvolvemento da ciencia e da tecnoloxía; todas elas se asociaron cun ODS en particular e co resto deles en xeral.
Algunhas pagaron o seu compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres e dos pobos indíxenas con atentados contra a súa vida, coma Malala Yusafzai, ou incluso coa súa propia vida, coma Berta Cáceres; outras pagaron a súa adhesión á Segunda República española co cárcere, co exilio ou foron represaliadas, coma Jimena Quirós, Ernestina Otero, Matilde Ucelay ou Olimpia Valencia.

Noutros casos, o prezo da súa loita foi o descrédito, coma nos de Jane Jacobs, Rachel Carson, Teresa Zapeta ou Greta Thunberg. Moitas foron silenciadas e ignoradas durante décadas, coma Betty Snyder Holberton, Hedy Lamarr,Magda Staudinger, Ángeles Alvariño ou Katalin Kariko, ou mesmo durante máis dun século, coma Ada Byron Lovelace ou Eunice Newton Foote.

Mais ningunha delas se rendeu; sobreviviron á adversidade e desenvolveron múltiples estratexias para conseguilo. Un gran número recibiu premios e honras (visibles nas súas biografías), en moitos casos a título póstumo, ou mesmo foron galardoadas co Premio Nobel da Paz, coma Wangarĩ Muta Maathai, Rigoberta Menchú Tum ou Malala Yousafzai.

Entre as precursoras seleccionadas hai mulleres de todos os tempos, que desenvolven ou desenvolveron a súa actividade política, profesional ou en defensa dos dereitos das mulleres, dos pobos e da vida na Terra con éxito, tal como se amosa nas súas biografías: aventúranse nos mundos da intelixencia artificial e implícanse en investigacións, accións e organizacións de diversa índole a prol deses dereitos.

Todas elas merecen o recoñecemento institucional e social e deben figurar no elenco de precursoras do desenvolvemento sustentable, que aínda está por completar.

Creación dun videoxogo no cal se ludifica toda esta información

Queremos que o concepto de sororidade viaxe no tempo e cree unha rede de apoio entre mulleres que fixeron historia a prol dos mesmos valores que promoven os ODS. Todos os seus descubrimentos e accións achanzaron o camiño para outras iniciativas, xeraron apoio para outras investigadoras, e iso é o que nos gustaría reivindicar e mostrar. Con esa finalidade, optamos por deseñar unha rede neuronal interactiva conectada de diferentes formas.

Ao premer sobre unha figura desbloqueada pásase a un nivel (correspondente a un dos ODS xa citados) formado por un quebracabezas que consiste en buscar os obxectos característicos de cada unha das mulleres precursoras dos ODS. Cada nivel está ambientado consonte a súa respectiva temática e co contexto de investigación ou de acción no que se sitúa cada unha das referentes propostas.

Desta maneira, prodúcese unha aprendizaxe por inmersión e as persoas que xogan empápanse da historia de cada unha das precursoras ao compartir un momento relevante das súas traxectorias. Unha vez superado o quebracabezas, desbloquéanse os seguintes e obtense a información completa.
O ODS 5, igualdade de xénero, está presente nas fichas das biografías e nas ilustracións que forman o mapa dos diferentes niveis, de modo que se irán desbloqueando as siluetas de diferentes precursoras e se unificarán a través dunha constelación.

Fixérono posible

  • Presidenta da Deputación de Pontevedra: María del Carmen Silva Rego
  • Dirección: Mari A. Lires
  • Material e contidos: Mari A. Lires, Marina Amores, Tamara Amorín de Abreu e Rocío Araujo
  • Álvarez, María Lorenzo Rial e Francisco Serrallé Marzoa
  • Narrativa e son: Marina Amores
  • Arte e deseño: Isi Cano Pérez
  • Desenvolvemento: Andrea Latorre Martín
  • Dirección técnica: Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra