Silleda transformará a súa Casa da Cultura na nova Casa Consistorial da vila cos fondos do Plan Reacpon da Deputación

A presidenta provincial Carmela Silva e o alcalde Manuel Cuíña asinan o convenio para unha ambiciosa actuación de máis de 1,8 millóns de euros que, amais, foi avaliada pola veciñanza nun referendo

28/01/2022

Silleda transformará a súa actual Casa da Cultura para convertela na nova Casa Consistorial da vila grazas ao Plan ReacPon da Deputación, o plan de recursos extraordinarios destinados aos concellos que a institución provincial puxo en marcha para reactivar a economía da provincia.  A presidenta Carmela Silva e o alcalde Manuel Cuíña asinaron hoxe un convenio para iniciar a ambiciosa actuación de 1.802.893,51 € dos que a Deputación aportará 713.249,55 € (o 90% do seu Plan Concellos, máximo que permitían as bases), e o concello 1.089.643,96 €. A intervención permitirá contar cun novo espazo que unificará e centralizará todos os servizos municipais nun único recinto que se converterá no centro da administración municipal de Silleda e permitirá prestar unha mellor atención á cidadanía.

A presidenta da Deputación Carmela Silva destacou que esta actuación converterá a Casa da Cultura “nun edificio emblemático, marabilloso, central, nun extraordinario centro de administración municipal, máis accesible, onde se van poder prestar todos os servizos no marco dun espazo público para a xente, nun lugar de encontro moi potente”. Puxo en valor amais a aposta do alcalde e do goberno local, a través deste proxecto e doutras moitas iniciativas que están a levar a cabo, “pola sostibilidade na que é un exemplo nesta provincia, e as transformacións que temos que facer baseadas na transición ecolóxica, na dixitalización e nos edificios intelixentes. Gústelle a quen lle guste, moléstelle a quen lle moleste, non hai quen recoñeza Silleda”. Tamén remarcou Carmela Silva a importancia de aprobar plans extraordinarios como o ReacPon, o DepoRemse, Plan de Reequilibrio ou PICEI, dos que tamén se beneficiou Silleda, para poñer en marcha grandes obras e actuacións como a mellora da mobilidade peonil e a seguridade viaria na contorna do centro de saúde e centro de maiores (DepoRemse) ou o campo de fútbol de Bandeira (Plan de Reequilibrio e PICEI), galardoado en numerosos premios de arquitectura a nivel nacional e internacional.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, amosou a súa satisfacción por asinar este convenio para unha “importantísima obra para a veciñanza de Silleda” que permitirá centralizar os servizos municipais dispersos por todo o concello nun renovado espazo, tamén accesible, situado “nun edificio con moita historia, nunha rúa moi céntrica que está sendo transformada”. Ao igual que tamén fixo a presidenta, recordou que o traslado da Casa Consistorial á Casa da Cultura foi avalado por un referendo autorizado polo Ministerio do Interior e destacou que Silleda está “a facer unha transformación importantísima nos últimos anos que non podería ser sen a axuda da Deputación de Pontevedra”.

“A renovación das casas consistoriais é unha competencia da Xunta de Galicia”

A presidenta da Deputación convidou a Xunta de Galicia, a administración con competencias, a que “igual que está achegando recursos para renovar Casas Consistoriais noutros concellos tamén achegue financiamento a Silleda”. Carmela Silva remarcou que lle gustaría que “esta nova Casa Consistorial sexa froito da colaboración de todas as administracións públicas porque isto significaría que estamos dispostas e dispostos a remar xuntas e xuntos para que a veciñanza, viva onde viva, poida ter os mellores equipamentos e dotacións”.

Tamén nesta mesma liña se pronunciou o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, quen amosou o seu desexo de que “a Xunta estea aí agora que de verdade lle toca”.  O alcalde asegurou que o vindeiro xoves “trasladareille a Rueda, en persoa, como responsable directo da Consellería á que lle corresponde facer fronte á reforma da Casa Consistorial, que aporte recursos. Agora que chegou a hora da verdade”, revelou o alcalde, “todo son pegas e agardo que recapacite, que non nos poñan tantas pegas a esta axuda”. Manuel Cuíña xa adiantou que se non hai axuda “chegará un día, que será moi importante para todas as veciñas e veciños de Silleda, e aí estaremos ti e mais eu, presidenta e alcalde de Silleda, inaugurando a casa consistorial”. Cuíña tamén aproveitou para denunciar que “xa está ben. A Xunta de Galicia destina directamente nos seus orzamentos aos concellos do PP que nos rodean entre 25 e 26 millóns de € e a Silleda tócanlle cero euros. Imos aguantando, imos tirando como podemos e non nos quedamos atrás pero xa está ben”. 

O proxecto

O plan ReacPon permitirá poñer en marcha a primeira fase de inverstimento para rehabilitar integralmente a Casa da Cultura, situada na céntrica Rúa Progreso que amais está sendo humanizada grazas a unha subvención do Ministerio de Transición Ecolóxica, ampliando a superficie en todas as súas plantas con criterios de sostibilidade, accesibilidade, eficiencia enerxética e facilitando o proceso de dixitalización. Albergará no primeiro andar o punto de atención cidadá, o rexistro municipal, a Policía Local e o Xulgado de Paz e no segundo as dependencias de Alcaldía e os departamentos de Intervención, Secretaría e Oficinas Xerais. No último andar situarase o Salón de Plenos e o Auditorio, separados por tabiques móbiles e butacas reversibles.

O proxecto completarase nunha segunda fase cun novo edificio na parte traseira de dous andares e onde se situarán distintos servizos municipais. Todo o recinto, que dá fronte a dúas rúas, será totalmente accesible, con aseos adaptados e un sistema enerxético renovado grazas á rede de calor de biomasa.

videos