#XUVENTUDE
I Plan estratéxico de xuventude
Da Deputación de Pontevedra
O I Plan estratéxico de xuventude (PEX) da Deputación de Pontevedra representa un compromiso firme co desenvolvemento integral da mocidade da provincia, clave para o progreso social, económico e cultural do territorio. Este documento, aliñado cos marcos normativos europeo, estatal e autonómico, busca darlles resposta ás necesidades e aspiracións deste grupo de poboación, promovendo a súa emancipación, participación activa e benestar nun contexto marcado por retos coma o despoboamento, o acceso á vivenda e a inserción laboral.
O seu obxectivo é definir o marco estratéxico que guíe as políticas de xuventude da Deputación de Pontevedra durante os próximos anos, abordando as necesidades e carencias detectadas tanto na poboación moza (de 15 a 34 anos) coma no persoal técnico municipal da área de xuventude.
Este documento fundaméntase nun proceso participativo que permitiu recompilar unha radiografía precisa da realidade xuvenil pontevedresa. A súa elaboración baséase nas seguintes consultas:
- Unha enquisa dirixida á xuventude da provincia (15 a 34 anos).
- Un cuestionario dirixido aos concellos da provincia.
- Un cuestionario dirixido aos servizos da Deputación de Pontevedra.
O PEX divídese en seis eixes de actuación, deseñados para abordar de maneira estruturada as necesidades e carencias detectadas:
- Emancipación económica, social e habitacional.
- Participación, comunicación e apoderamento.
- Gobernanza, coordinación interinstitucional e xestión do coñecemento sobre a realidade xuvenil.
- Vida rural e sustentabilidade.
- Educación non formal e lecer alternativo.
- Benestar e saúde mental.