A Deputación convoca as axudas para que entidades sen fins de lucro realicen actuacións no ámbito social, dotadas con 600.000 euros
O obxectivo destas axudas, que contan con 100.000 € máis que no 2025, é apoiar a entidades que impulsen proxectos sociais dirixidos a persoas en situacións de risco ou vulnerabilidade social
08/02/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de convocar as súas axudas para que as entidades sen fins de lucro poidan desenvolver actuacións no ámbito social, que neste 2026 contan cun orzamento de 600.000 euros, 100.000 euros máis que o pasado ano. O obxectivo destas liña de achegas é apoiar ás entidades que impulsen proxectos sociais dirixidos a persoas en situacións de ricos ou vulnerabilidade social. As entidades teñen de prazo ata o 5 de marzo para presentar as súas solicitudes.
A Deputación financiará proxectos, programas e actividades de promoción e inserción social, de prestación de servizos sociais e que persigan un interese social na procura da mellora da calidade de vida das persoas que pertenzan a colectivos que se atopen en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social polas súas circunstancias persoais, psíquicas, físicas ou socioeconómicas. As entidades deberán entregar un proxecto no que se detallen os obxectivos, o ámbito de actuación e número de persoas beneficiarias, a metodoloxía empregada para desenvolver o proxecto, o cronograma de actuación, unha relación dos recursos humanos, materiais e financeiros que garantan a súa viabilidade, unha avaliación do impacto social estimado e un plan de difusión.
As entidades que resulten beneficiarias recibirán un máximo de 8.000 euros, 1.000 máis que no 2025, ou o 80% do orzamento, e teranse en conta criterios relacionados tanto coa entidade como co proxecto obxecto da axuda. O ano pasado recibiron os recursos un total de 122 entidades sociais de 22 concellos da provincia para financiar proxectos de bancos de alimentos e comedores sociais; programas de apoio e integración sociolaboral para persoas en risco de exclusión social; actividades de estimulación cognitiva, respiro familiar ou de educación para a saúde; iniciativas para mellorar a calidade de vida da infancia oncolóxica, ou, entre outros, programas para loitar contra a soidade das persoas maiores.