A Deputación dedica unha exposición antolóxica a Otero Baena, o pintor que renunciou aos pinceis, no Museo de Pontevedra
A mostra, que se inaugura este venres, reúne 39 pinturas e debuxos que exhiben o traballo coa cor e a visión persoal da paisaxe e a etnografía de quen foi tamén alcalde de Bueu
07/11/2024
A Deputación de Pontevedra inaugura este venres no Museo de Pontevedra a exposición ‘José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis’. Trátase dunha mostra antolóxica dedicada ao artista de Bueu, falecido en 2017, que está composta por 39 óleos e debuxos procedentes do Museo Massó e de coleccións particulares, e poderá visitarse no Edificio Castelao ata o 19 de xaneiro de 2025.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, que presentou a mostra acompañado da comisaria da exposición, Beatriz de San Ildefonso, e dunha das fillas do artista, Marta Otero, destacou a importancia de que o Museo, ademais de poñer o foco no internacional tamén o faga no propio enxalzando un artista da provincia. “Chámame a atención a súa visión da natureza, como a luz se reflicte, o mar, quen mellor que alguén de Bueu para representar o mar”.
Pola súa banda, Beatriz de San Ildefonso sinalou que Otero Baena “puxo a atención na súa contorna, na vila mariñeira de Bueu e nas técnicas tradicionais de pesca, polo que a súa pintura é testemuña dun patrimonio que xa practicamente non existe”. Neste eido subliñou a súa peculiar técnica, porque aínda que comeza a pintar paisaxes con pincel “axiña abandona esa técnica para pintar con espátula”.
A exposición está composta por 39 obras datadas entre 1949 e 2016. Son óleos sobre lenzo, sobre táboa e debuxos. Nelas pódese apreciar como o artista foi desenvolvendo un estilo persoal e unha linguaxe propia, baseada na importancia da cor. Na súa pintura, Otero Baena (1925-2017) substituíu o pincel pola espátula, coa que modelaba o pigmento aplicado con agresividade. Deste xeito conseguiu unha forte intensidade cromática, convertendo a cor na protagonista das súas composicións.
O principal rexistro da súa pintura foi a paisaxe, cun interese especial polos elementos etnográficos e, entre eles, coas embarcacións tradicionais do seu Bueu natal. Na súa obra transgrediu intencionadamente as tonalidades da natureza para afastarse da representación mimética da realidade e deformala conscientemente a través da luz e da cor, transmitíndonos as paisaxes tal e como el as vía.
O seu recoñecemento como artista chegoulle cando tiña 26 anos e a súa obra chamou a atención do debuxante e crítico de arte Ramón Peña. El mesmo o animou a solicitar unha pensión da Deputación de Pontevedra para estudar pintura en Madrid. O remate da súa excedencia laboral obrígao a regresar a Bueu, onde segue pintando e estudando co apoio dunha biblioteca especializada en arte, un intenso traballo co que logra un estilo persoal, unha linguaxe propia coa que expresar a súa visión da paisaxe e das escenas de pesca, nas que queda patente a súa especial predilección polo mar.
A súa fecunda actividade pictórica reflíctese no elevado número de exposicións individuais e colectivas que percorren Galicia, á vez que a cor adquire cada vez maior protagonismo na súa obra; emprega con valentía o amarelo para interpretar a luz que atravesa as nubes, transformando o ceo nunha explosión de dourados. O bulicio do colorido é, probablemente, consecuencia da súa admiración por Turner.
O seu traballo como pintor paralízase entre 1971 e 1979 porque, ademais de seguir traballando na Caixa de Aforros, foi nomeado alcalde de Bueu. Pinta esporadicamente ata 1989, ano no que se xubilou e retomou a espátula e o óleo para volver pintar os mesmos temas, pero non do mesmo modo; o seu estilo evoluciona cara a unha nova forma de expresar a cor, que tempera a violencia ao empregar tons suaves, o que, unido á súa constante procura da luz, ocasiona escenas asolagadas de claridade. Todas esas etapas creativas están presentes na exposición que se pode visitar no Museo de Pontevedra nos próximos dous meses.

