A Deputación abre este venres o prazo para inscribirse nas actividades gratuítas deportivas de O Noso Club

En total ofértanse máis de 3.000 prazas en modalidades deportivas como atletismo, baloncesto, balonmán, judo, loita, piragüismo, remo, rugby e taekwondo e o formulario estará a disposición das familias interesadas desde o venres na páxina web da Deputación

10/09/2026

A Deputación abre este venres o prazo para inscribirse nas actividades gratuítas deportivas de O Noso Club

A Deputación de Pontevedra abre este venres 11 de setembro o prazo para inscribirse nas actividades gratuítas deportivas de O Noso Club. Esta iniciativa pretende achegar a nenas e nenos de entre 6 e 16 anos o deporte para que descubran todo o que lles pode dar, ofertando máis de 3.000 prazas en modalidades como o atletismo, baloncesto, balonmán, judo, loita, piragüismo, remo, rugby e taekwondo en diferentes concellos da provincia. O formulario para solicitar praza en O Noso Club estará a disposición das familias desde este venres na páxina web da Deputación.

As actividades de O Noso Club desenvólvense en dous períodos. Un primeiro, de outubro a decembro de 2026 e un segundo de xaneiro a maio de 2027, salvo piragüismo e remo que se desenvolverán entre marzo e setembro de 2027. Deste xeito, a modalidade de atletismo, con 180 prazas, ofertarase nos concellos da Guarda, Catoira, O Rosal, Pontevedra, Ribadumia, Tomiño e Vigo; baloncesto, con 165 prazas, terá lugar nas Neves, Catoira, Covelo, Gondomar, Meis, Moraña, Ribadumia e Salvaterra de Miño; balonmán, con 660 prazas, desenvolverase en Cangas de Morrazo, Nigrán, Redondela, Sanxenxo e Vigo; judo, con 473 prazas, ofertarase en Baiona, Gondomar, Tomiño, Moraña, Oia, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela e Ribadumia; loita, con 640 prazas, terá lugar na Caniza, A Estrada, Arbo, Baiona, Pontevedra, Vigo e Vila de Cruces; rubgy, con 40 prazas, desenvolverase en Vigo; e taekwondo, con 260 prazas, en Barro, O Campo Lameiro, Cerdedo Cotobade, Fornelos de Montes, Meis, Ponte Caldelas, Ribadumia e Vilaboa.

O Noso Club ten como obxectivo fomentar a práctica deportiva de forma accesible e divertida por toda a provincia, facilitando que as nenas e nenos poidan coñecer diferentes disciplinas e, se o desexan, continuar a súa práctica en clubs federados. Trátase dun espazo común para descubrir, practicar e desfrutar do deporte nunha contorna inclusiva e de calidade, educando en valores e igualdade. O pasado ano preto de 2.000 nenas e nenos de toda a provincia participaron en O Noso Club.