Luisa Sánchez salienta a mellora da accesibilidade urbana que supón o novo ascensor da rúa Juan Ramón Jiménez
A actuación para instalar este elemento de mobilidade mecánica, que conecta Marqués de Valterra e Torrecedeira, incluíu a renovación integral da contorna
22/07/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, vén de visitar a obra completada na rúa Juan Ramón Jiménez, que unicamente está á espera de que se abra ao público o novo ascensor urbano habilitado nos próximos días. “Está todo listo para que a veciñanza poida gozar desta contorna renovada”, sinalou a representante provincial en Vigo, quen avanzou que o elevador foi sometido este mércores ás probas pertinentes. O seguinte paso será obter o visto e prace de Industria.
A actuación consistiu na instalación dun ascensor acristalado que conecta as rúas Marqués de Valterra e Conde de Torrecedeira. Deste xeito, sálvase un desnivel de once metros e facilítase a mobilidade peonil entre zonas baixas e altas da cidade. Ademais, permitirá enlazar directamente co elevador xa existente cara a Pi y Margall. A este respecto, a vicepresidenta convidou ao goberno local a reforzar o mantemento destes equipamentos para evitar avarías.
Durante a visita, a representante provincial en Vigo salientou que este investimento supón “unha nova mellora da accesibilidade en Vigo”, tal e como vén de acontecer coas novas ramplas mecánicas da rúa Pintor Colmeiro. A obra incluíu tamén a remodelación integral da contorna, coa renovación das beirarrúas, a instalación dunha nova rede de pluviais e rega, a mellora da iluminación, a colocación de novo mobiliario urbano e a plantación de árbores e vexetación. Ademais, na parte superior instalouse unha escultura en homenaxe ao poeta Juan Ramón Jiménez.
A vicepresidenta reiterou o compromiso da Deputación coa transformación urbana da cidade e lembrou que a institución provincial financiou o 66% do orzamento, cunha achega de 760.000 euros de fondos provinciais. O Concello de Vigo asumiu o terzo restante para completar o presuposto ata os 1,15 millóns.
A vicepresidenta destacou tamén que os fondos destinados a esta actuación proceden dos 6,2 millóns de euros rescatados pola Deputación á súa chegada á vicepresidencia, que foron redirixidos cara a tres proxectos de mellora urbana en Vigo: o ascensor da rúa Juan Ramón Jiménez, a remodelación da rúa Pintor Colmeiro e a humanización da rúa San Roque.
Ao fío, Luisa Sánchez recalcou que a Deputación de Pontevedra “xa non é unha mera comparsa en Vigo, senón que agora é decisiva na transformación da cidade”.
Sexto investimento completado neste mandato
Neste sentido, Luisa Sánchez subliñou que este é a sexto investimento que a institución provincial remata en Vigo durante o actual mandato, tras as actuacións executadas na Estrada Clara Campoamor, no Pavillón das Travesas, no Parque Nelson Mandela, no Campo das Relfas e na rúa Pintor Colmeiro.
Ademais, lembrou que a Deputación continúa impulsando outros proxectos estratéxicos na cidade como a reconstrución da grada de Gol de Balaídos, a recuperación do Teatro Cine Fraga, a reforma da piscina de Teis, a humanización da rúa San Roque e a creación dun gran parque de xogos en Finca Matías.
