A Deputación recomenda extremar a vixilancia do oídio ante a entrada da uva nunha fase de máxima sensibilidade e a chegada de altas temperaturas
O persoal técnico do Areeiro destaca o bo estado sanitario xeral das viñas fronte ao mildio e chama a reforzar o seguimento dos cultivos nas próximas semanas
14/06/2026
A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica Areeiro, recomenda manter unha vixilancia estreita das viñas durante os próximos días, especialmente fronte ao oídio, coincidindo coa entrada da uva nunha das fases de maior sensibilidade a este fungo e coa previsión de temperaturas elevadas en boa parte da provincia. O persoal técnico sinala que as temperaturas suaves rexistradas durante a semana, xunto coa elevada humidade relativa característica do territorio, favoreceron un avance notable da fenoloxía da vide. Así, cando aínda non se acadou a metade do mes de xuño, moitos acios xa se atopan no estado de gran tamaño chícharo, cun adianto medio dunha semana respecto ás mesmas datas da campaña anterior.
No relativo ao mildio, a Deputación destaca que a situación sanitaria das viñas segue a ser, en termos xerais, moi positiva. Na viña de Areeiro detectáronse manchas recentes en varias cepas sen protección fitosanitaria, aínda que non afectan á totalidade das plantas. Ademais, as capturas de esporanxios de Plasmopara viticola continúan sendo reducidas tanto en Areeiro como nas parcelas de seguimento das distintas comarcas e nos predios sometidos a tratamento, incluídos aqueles que sufriran danos anteriormente, os síntomas permanecen controlados e sen evolución significativa. Tendo en conta as previsións actuais, e a situación desta fin de semana, a Deputación recomenda manter unha vixilancia continua dos viñedos, especialmente naquelas parcelas onde a protección dos tratamentos estea próxima a rematar, para detectar con rapidez calquera cambio na evolución das enfermidades e actuar en consecuencia.
Sen embargo, o persoal técnico de Areeiro advirte de que o oídio constitúe actualmente a principal preocupación fitosanitaria na viña. As altas temperaturas non limitan o seu desenvolvemento, polo que a evolución deste fungo dependerá fundamentalmente da ventilación das plantas e das condicións específicas de cada predio. Aínda que nas revisións realizadas non se detectaron síntomas nos acios, un técnico informou esta semana da aparición dun caso nunha viña moi sombreada e con escasa ventilación. Por este motivo, a Deputación recomenda reforzar a vixilancia e continuar coas prácticas culturais que favorezan a aireación dos acios, ademais de actuar con rapidez no caso de detectarse os primeiros síntomas.
Black rot, avelaíñas e flavescencia dourada
Pola súa banda, os síntomas de black rot continúan sendo esporádicos e limitados ás follas, aínda que xa se observan en diferentes comarcas, con risco entre feble e moderado. En canto ás avelaíñas do acio, rexistráronse as primeiras capturas da segunda xeración de Lobesia botrana en parcelas do Condado e do Rosal, aínda que con cifras moi baixas.
Respecto a Scaphoideus titanus, insecto vector da flavescencia dourada, as mostras recibidas no laboratorio procedentes da comarca do Condado indican que a maioría das poboacións se atopan actualmente no estado ninfal N2, é dicir, aínda están nunha fase temperá de desenvolvemento. Polo momento non é necesario aplicar tratamentos, pero a Deputación lembra que en breve se comunicará a data da primeira intervención, en coordinación coa Consellería do Medio Rural. Ademais, o persoal técnico fai un chamamento especial a todas as persoas que traballan ou se desprazan entre zonas afectadas e outras libres do vector para extremar as precaucións e evitar o traslado accidental de ninfas ou adultos. Cómpre lembrar que este insecto transmite unha enfermidade de corentena especialmente grave para o sector vitivinícola.
Maceira e buxo
Nas maceiras continúan descendendo as capturas de Cydia pomonella. Por outra banda, no caso do buxo, detectáronse os primeiros adultos da bolboreta Cydalima perspectalis nas trampas de seguimento e tamén as primeiras postas nas plantas. Neste eido, a Deputación recomenda incrementar a vixilancia, xa que nos próximos días comezará previsiblemente o nacemento das primeiras eirugas.
