A Deputación recomenda aplicar funxicidas e realizar labores culturais ante o “momento decisivo” para a futura colleita da uva
O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro sinala que coas elevadas temperaturas favoreceuse que o estado fenolóxico dominante nas viñas sexa o de plena floración, en datas similares ás da campaña do ano pasado
31/05/2025
A Deputación de Pontevedra, a través do novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, sinala que o momento actual é decisivo para a futura colleita da uva polos posibles efectos do mildio a curto prazo e pola incidencia que este pode ter máis adiante (mildio larvado). Por estas razóns, recoméndase prestar moita atención tanto ás aplicacións funxicidas (que deben facerse nas mellores condicións para que os produtos permanezan nas plantas e fagan as súas funcións) como aos labores culturais (xa que garantir a ventilación das plantas é fundamental). Por iso sinalan que, malia non ser conveniente someter as plantas a máis estrés, en casos de mildio que non sexa sinxelo de controlar é recomendable despuntar para que o sol e o aire contribúan a recuperar o bo estado das viñas.
O persoal de Areeiro sinala que as temperaturas elevadas e ventos do norte dos pasados días non son condicións especialmente favorables ao mildio, pero as temperaturas si favoreceron que o estado fenolóxico dominante nas viñas da provincia sexa o de plena floración (malia que non todos os acios o presenten e incluso haxa diferenzas no mesmo acio). As previsións meteorolóxicas dos próximos días sinalan certa posibilidade de tormentas e precipitacións, polo que cómpre estar alerta para reaccionar a tempo e renovar os tratamentos de inmediato, agás que o predio leve poucos días tratado e non teña síntomas ou estes teñan escasa presenza. Onde non se produzan tormentas cómpre vixiar as viñas para detectar os posibles efectos da combinación de altas temperaturas con orballo para protexer os acios de ser preciso.
En canto a outros patóxenos e enfermidades, os predios contan con tratamento contra o oídio e, malia estar nunha época de alto risco para o desenvolvemento da enfermidade, non se observaron máis síntomas (séguese recomendando incorporar funxicidas fronte ao patóxeno á hora de aplicar tratamentos contra o mildio). Tampouco se observaron síntomas de botrite, pero de producirse as tronadas e precipitacións cómpre aumentar a vixilancia, especialmente nas variedades máis sensibles, por se os capuchóns florais quedan adheridos aos acios.
No relativo ao black rot, só se observaron avances en plantas abandonadas, pero o período de maior sensibilidade iníciase a partir deste momento. Non existe relación directa entre os síntomas nas follas e un risco potencial para os acios, pero sobre todo nas zonas con historial de danos, e tamén se hai precipitacións, é preciso aumentar a vixilancia.
Sobre ás avelaíñas do acio, malia non haber capturas de machos nas trampas si se observaron os primeiros glomérulos. En canto aos cicadelidos, observáronse as primeiras ninfas de Empoasca vitis, pero puntualmente e só no sur da provincia, onde tamén se capturaron os primeiros adultos. Importa máis a aparición das primeiras ninfas de Scaphoideus titanus, o vector da enfermidade de corentena flavescencia dourada: isto implicará, aproximadamente en catro semanas, aplicar os primeiros tratamentos insecticidas onde é obrigado por lei. Por último no capítulo da viña, as temperaturas favoreceron que as afectadas por patoloxías de madeira ou patóxenos de raíz colapsaran totalmente, por iso é conveniente eliminalas para que non sigan infectando outras plantas.
O aviso fitosanitario tamén inclúe observacións para a maceira e a pereira, relativas á avelaíña (cunha baixada respecto á semana pasada, pero con capturas de machos que superan o limiar de tratamentos) e o pulgón cincento (observáronse máis colonias deste insecto, que de non controlarse pode deformar os froitos), e mais para o castiñeiro, cun incremento sensible na cifra de capturas do tortrícido temperán Pammene fasciana.
